O colexio de Tenorio será eficiente en materia enerxética a finais de 2019
Por Redacción
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria levará a cabo unha rehabilitación enerxética e integral completa en oito centros escolares de Galicia -a razón de dous por provincia- no vindeiro ano 2019. Un deles será o colexio de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade. En total, investiranse catro millóns de euros.
Esta actuación busca ofrecer un maior confort aos seus usuarios á vez que acadar un aforro nos custes de mantemento dos edificios.
Os traballos supoñen unha reforma integral enerxética e funcional dos centros, que xeralmente abranguen actuacións específicas en cubertas e fachadas (illamentos), carpinterías (substitución por outras con rotura de ponte térmico), luminarias (substitución por equipos de alta eficiencia enerxética) e outros elementos das instalacións.
Estas actuacións complementaranse con outras como o pintado de aularios ou posibles melloras funcionais segundo o establecido nos proxectos técnicos, así como melloras estéticas e funcionais coa incorporación dunha imaxe corporativa única a través da gama de cores empregados nas aulas así como en todos os elementos identificativos e sinaléctica dos centros.
Ademais, desde o ano pasado, a consellería colabora co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia na selección de arquitectos novos para participar nestes proxectos, co que se busca tamén fomentar a empregabilidade deste sector da poboación.
Segundo as previsións que manexa a consellería, de aquí a outono procederase á redacción de cada un dos proxectos, coa intención de que o proceso de licitación e adxudicación de obras estea rematado arredor do vindeiro xuño co fin de que os traballos físicos se realicen durante a tempada estival aproveitando que non hai actividade nas aulas.