![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/a76/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/597b6153be-convenio-augas-da-laxe.jpg)
© Concello de Cerdedo-Cotobade
Proxectan a mellora do servizo de abastecemento de auga de Tenorio
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un convenio asinado polo Concello de Cerdedo-Cotobade e a comunidade de usuarios de augas da Laxe permitirá financiar o proxecto de mellora do servizo de abastecemento de auga na parroquia de Tenorio, segundo informou este venres o goberno municipal.
O obxectivo desta actuación é garantir o seu bo funcionamento e o subministro a 140 vivendas desta parroquia e a todos os centros públicos, como o colexio, o instituto, a gardería, o centro médico e a Casa do Pobo.
Este acordo, que suporá a achega de 6.000 euros para axudar a sufragar o ambicioso proxecto de melloras e mantemento a prol dos regantes, foi ratificado polo presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o presidente da comunidade de augas, José Diz.
Cubela quixo destacar e agradecer, tras a rúbrica deste acordo, o importante traballo que desenvolve esta entidade no mantemento das infraestruturas de augas da Laxe, "xa que é fundamental para garantir o subministro a máis de 500 veciños da parroquia de Tenorio e aos seus centros educativos, sanitarios e veciñais".
Porén, considera que o Concello, como usuario desta comunidade con ata cinco centros públicos, debe colaborar con este proxecto e coas súas tarefas e cre que a mellor maneira é facendo unha achega económica.