A Deputación obterá imaxes en 360 graos dos 1.700 quilómetros de estradas pontevedresas
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra terá imaxes en 360 graos de todos os elementos das estradas de titularidade provincial e os das súas marxes en tempo real. É un dos resultados do proxecto para elaborar o novo catálogo-inventario da rede de estradas que ten en marcha a institución provincial e para o que acaban de recibir cinco ofertas de empresas.
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, indicou que o orzamento de licitación para este novo rexistro é de 217.195 euros, e permitirá obter esas imaxes en 360 graos e incorporar un software para traballar con datos de accidentalidade, de tráfico e auscultación que permitirán unha xestión máis eficiente.
As cinco empresas interesadas en realizar o proxecto Ingeniería Insitu, Cotesa, Relieve MDC, AMAC Europa, S.L. e Applus Control. O vindeiro mércores 9 de agosto está previsto abrir os sobres coas ofertas técnicas presentadas.
A Deputación pretende actualizar o inventario xa que o actual data de 2004 e está totalmente desactualizado tanto dende o punto de vista da información que manexa como dende a utilización das novas tecnoloxías. A intención é adxudicar os traballos no outono para poñer en marcha a aplicación doce meses despois, prazo necesario para realizar a implantación do novo catálogo.
Nas prescripcións técnicas do contrato establécese que deberá haber unha recollida de datos en campo con captura de imaxes dixitais, así como un levantamento topográfico mediante escaneado con láser móbil sobre vehículo dos 1.700 quilómetros de viario provincial. Este levantamento, que servirá de base cartográfica, poderá ser utilizado para a elaboración de futuros proxectos de mellora das estradas.
A ferramenta informática xerada permitirá ao usuario situarse en calquera punto de calquera tramo e percorrer cada estrada provincial visualizándoa mediante un simulador de vídeo cun paso mínimo de 10 metros. A aplicación deberá conter e xestionar de xeito sincronizado un visor panorámico tipo Street View no que se poidan ver en 360º as fotografías inventariadas, un visor panorámico 3D no que se poida visualizar a nube de puntos do levantamento topográfico, e un visor en planta 2D cos elementos inventariados e a cartografía asociada de xeito similar a Google Maps.
Relacionadas:
-
Os desafíos e avances na delimitación de propiedades abordaranse nun foro en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra empeza a actualizar a súa cartografía: terá mapas en 3D e imaxes en 360º
Por Redacción |
-
Rematan as obras de mellora da seguranza viaria entre Carballedo e Caroi e anuncian a construción dun lombo
Por Redacción |
-
A Deputación mellorará o estado da estrada Peso-Caroi, na Lama
Por Redacción |
-
Máis de 40 lombos redutores de velocidade para Marín e Bueu
Por Redacción |