Pontevedra empeza a actualizar a súa cartografía: terá mapas en 3D e imaxes en 360º
Por Redacción
Un vehículo equipado con sensores de posicionamento, cámaras de fotos e escáner 3D está a percorrer nos últimos días todo o municipio de Pontevedra para capturar toda a información precisa para a realización dun Street View profesional. Nesta ocasión non chega á cidade da man de Google para actualizar as súas bases de datos, senón como resultado dun contrato do Concello para actualizar a información cartográfica existente.
A cartografía actual que ten o Concello ten 15 anos de antigüidade, o que provoca que moitos mapas quedaran obsoletos, de modo que o goberno local contratou unha empresa para actualizalos todos a escalas 1:1000, 1:2000 e 1:5000 e para que tamén elabore a ortofotografía dixital a 20 centímetros do municipio, o que equivale a unha extensión de 11.700 hectáreas.
Os traballos para modernizar a base topográfica e cartográfica da cidade están en marcha tras ser adxudicados por 111.500 euros á empresa Geograma -especialista no uso da tecnoloxía Mobile Mapping-. Ademais, conta cun socio local, Geomati-K, que está a facer o traballo de campo.
O obxectivo é realizar un fotografado (imaxes 360 graos) e escaneado (3D) das rúas, camiños e zonas verdes de todo o municipio e de momento xa se fixeron no centro histórico e toda a área urbana. Acaba de empezar a fase das parroquias, pero non hai un prazo exacto de remate, pois depende das condicións meteorolóxicas.
O prazo de execución dos traballos é dun máximo de catro meses. Cando rematen, o Concello pasará a ter miles de fotografías 360 graos -unha panorámica cada 5 metros- e millóns de puntos medidos en 3 dimensións e unha información perfectamente protocolizada polos servizos técnicos.
O Concello contará cunha ferramenta esencial para mellorar e axilizar a xestión municipal, pois dispoñer dunha cartografía actualizada é de gran utilidade en distintos ámbitos: no planeamento urbano, no catastro, na xestión de análise territorial e medio ambiental.
A golpe de clic poderase, por exemplo, medir a altura dun edificio, dun gálibo ou o saínte dunha cornixa; inspeccionar fachadas, rúas ou camiños ou auditar inventarios de mobiliario, redes de servizo e infraestruturas ou calquera outro ben localizado.
Relacionadas:
-
Pontevedra ultima o sistema para xeorreferenciar toda a información municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra xa ten o seu propio "Google Street View" para axilizar trámites urbanísticos
Por Alejandro Espiño |
-
A revisión do catastro supuxo para o Pontevedra 2.800.000 euros de ingresos
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación obterá imaxes en 360 graos dos 1.700 quilómetros de estradas pontevedresas
Por Redacción |
-
Pontevedra renovará a súa cartografía catastral
Por Oskar Viéitez |