Vilagarcía contará con dous novos obradoiros formativos para 35 desempregados
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presentaba este luns acompañado polo alcalde de Vilagarcía a concesión por parte da Consellería de Emprego de dous novos talleres de emprego para este concello.
O primeiro dos taller, "Forme17" estará destinado a 20 desempregados en Fontanería e Carpintería. Terá unha duración de 9 meses cun investimento de case 280.000 euros.
Este taller estará destinado a formar aos alumnos na elaboración e mantemento de mobiliario para a revalorización dos espazos públicos e no mantemento e reparación de elementos de fontanería tanto no Parque da Ravella, como nos de Castriño, Compostela, A Coca, Parques de Carril e Vilaxoán, Xunqueira, zonas peonís do centro urbano e zonas rurais, así como na sede onde se imparte o taller, na Escola de Música, no conservatorio, na biblioteca municipal e nas Axencias de Lectura e instalacións deportivas municipais. O obxectivo é que realicen traballos de conservación de mobiliario urbano tanto exterior como nas dependencias interiores do Concello.
Labora Xove 2017 é o segundo taller e céntrase en operacións auxiliares de actividades e funcionamento de instalacións deportivas, así como en socorrismo en espazos acuáticos. Os 15 alumnos que queiran participar deberán ter menos de 30 anos e formaranse durante 6 meses. Esta iniciativa contará cun investimento de 140.000 euros.
O obxectivo deste curso é potenciar a seguridade nas actividades acuáticas e potenciar a actividade deportiva para a mellora da saúde.
Agora procederase, segundo a xunta, á selección dos participantes a través das oficinas de emprego. Terán preferencia as persoas beneficiarias da Renda de Integración social de Galicia (Risga); mulleres, vítimas de violencia de xénero; menores de 30 anos, traballadores que finalizaron a prestación por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. No caso dos talleres xuvenís, os participantes deberán estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil.
Os cursos comezarán en setembro.