Axentes forestais defenden a actuación do seu compañeiro no incendio de Tenorio
Por Redacción
A Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (APRAFOGA) saíu ao paso das críticas que recibiu o compañeiro que, o pasado sábado, acudiu ao incendio de Tenorio e non interveu ao non ser un lume forestal.
Este colectivo asegura que a actuación desta persoa foi "correcta e exemplar", posto que a súa principal misión é velar pola seguridade do persoal de extinción ao seu cargo.
Os axentes teñen encomendadas, recordan desde a asociación, as tarefas de dirección de extinción en incendios forestais, traballo para o que están "perfectamente cualificados e preparados", como demostran ano tras ano "dirixindo a loita contra practicamente todos os lumes forestais que se producen en Galicia".
Moi ao seu pesar, engaden, os axentes forestais non dispoñen nin da formación nin dos medios axeitados para a extinción de lumes en naves industriais.
Aínda que levan moitos anos solicitando que este corpo profesional sexa incluído nos servizos de emerxencia do 112 co propósito de contribuír a evitar desgraciados sucesos como o da pasada fin de semana, "ata agora a reivindicación nunca foi atendida".
Por iso, desde APRAFOGA esixen a inmediata rectificación das declaracións efectuadas polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que cualificou a actuación deste axente como "mezquina e de omisión do deber de socorro".
Esta asociación considera que estas declaracións son "absolutamente desafortunadas e improcedentes", por fundamentarse nunha falta de coñecemento sobre o labor que ten encomendado o colectivo profesional dos axentes forestais e medioambientais.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade solidarízase coa familia que perdeu a súa casa e a súa carpintería nun incendio
Por Redacción |
-
Cubela critica duramente o operativo do incendio de Tenorio e pide que o parque de Pontevedra sexa comarcal
Por Natalia Puga |
-
O incendio de Tenorio volve poñer en cuestión o mapa de emerxencias na comarca de Pontevedra
Por Natalia Puga |