Queren crear unha asociación no Umia de loita contra a praga da avespa asiática
Por Redacción
O grupo de voluntarios Stop Velutina de Barro e apicultores do Concello de Portas decidiron crear unha asociación comarcal de Umia para loitar contra a praga da vespa asiática. Nas últimas horas, representantes destas entidades mantiveron un encontro en Romai coa idea de involucrar a todos os concellos da comarca a través de persoas voluntarias coa idea de frear a proliferación de niños da avespa velutina.
Neste sentido, decidiuse iniciar unha rolda de contacto cos goberno dos concellos da comarca para solicitar colaboración institucional. Alertan do perigo que supón este insecto para as abellas do país, ademais dos danos que causa en froiteiros e mesmo en viñas, xa que teñen preferencia polo azucre e o alcol.
Nas próximas semanas esperan manter unha reunión constituínte e mesmo estudan formar parte da Asociación Galega de Apicultores (AGA) para buscar máis apoios.
Os organizadores, segundo informa o tenente de alcalde de Barro, José Sanmartín, elaborarán uns dípticos informativos sobre a avespa e unha páxina de Facebook.
Denuncian que a empresa concesionaria da Xunta non retira os niños e son os voluntarios de Protección Civil os que se están a encargar destes traballos. Reclaman o apoio da administración autonómica para evitar que esta especie siga estendéndose pola provincia.
Relacionadas:
-
Barro blíndase fronte á vespa velutina, que prolifera coa chegada do bo tempo
Por Redacción |
-
RADIO.- Unha raíña e doce machos que conseguiron invadir Europa
Por Marisa Ciordia |
-
Os concellos intentan facerlle fronte á invasión de avespas velutinas
Por Redacción |
-
Ollo, isto non se toca! Son trampas para eliminar avespas asiáticas
Por Redacción |