O 7,3% dos adolescentes pontevedreses apostan en xogos online
Por Natalia Puga
Un recente estudo elaborado polo Concello de Pontevedra sacou á luz datos alarmantes sobre o uso das novas tecnoloxías por parte dos adolescentes pontevedreses. Entre outras conclusións, detectaron que o 7,3% dos alumnos de de educación secundaria dos institutos da cidade apostaron en xogos online durante os últimos 12 meses.
O estudo elaborouse en base a cuestionarios realizados a 2.937 alumnos de entre 12 e 17 anos, isto é, de entre primeiro e cuarto curso de ESO, de todos os institutos públicos e concertados de Pontevedra excepto Los Sauces e Doroteas no marco do Plan de Prevención de Condutas Adictivas do Concello. Dos enquisados, 1.461 eran mulleres e 1.476 eran homes.
A concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, sinalou que un dos datos máis significativos do estudo é o relativo ao xogo online, pois existe o temor a que as adiccións relacionadas coa ludopatía e as novas tecnoloxías vaian en aumento.
O estudo fai unha radiografía sobre o uso das novas tecnoloxías por parte dos adolescentes pontevedres que ben poderían extrapolarse a outras cidades, poñendo sobre a mesa o retrato dunha sociedade na que o 75,7% dos escolares tiveron o seu primeiro teléfono móbil entre os 10 e os 13 anos. Entre os 12 e os 17 anos, o 85% dos escolares teñen un móbil con conexión a Internet e o 14,2% están conectados todo o día, mentres que o 25,4 fano entre unha e dúas horas cada xornada.
Entre os datos máis preocupantes figuran que o 67,5% dos menores navegan por Internet sen ningún tipo de limitación ou control por parte dos seus pais e que o 35,6% dos enquisados contactaron con descoñecidos onlline no útlimo ano. Deles, o 23% son menores de 12 anos e o 16,7% chegaron a quedar en persoa con esas persoas ás que coñeceran en páxinas web. Ademais, o 24,9% entraron en algunha páxina de contido erótico no último ano.
O estudo tamén indaga sobre as aplicacións e redes sociais que máis utilizan os menores pontevedreses. A máis popular é WhatsApp, que utilizan o 93,3% dos enquisados, seguida de Instagram (77,2%), Snapchat (54,7%), Facebook (49,2%), Twitter (45,1%) e Skype (41,2%). Carmen Fouces chama a atención sobre o implantadas que están estas ferramentas a pesar de que legalmente está prohibido que os menores de 14 anos accedan ás redes sociais.
Este estudo irase debullando nos próximos meses, pero en base a estas primeiras conclusións, o Concello xa se expón a necesidade de tomar cartas no asunto e Fouces fai un chamamento a todas as administracións e á sociedade en xeral para abordar o problema de forma global e buscar fórmulas de traballo conxuntas que permitan poñer freo a unha situación que valora que en breve derivará en que os especialistas consideren o 'enganche' ás redes sociais e as novas tecnoloxías unha adicción.
As novas tecnoloxías "usar ben, son unha boa ferramenta", pero Fouces alerta de que "o problema é cando xa non son un fin, senón un medio". Na marxe de manobra que teñen a nivel municipal, o próximo mes de maio organizarán un curso para profesorado sobre condutas adictivas en xeral e novas tecnoloxías en particular.
Relacionadas:
-
O Concello programará actividades para previr a adicción ao xogo
Por Oskar Viéitez |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: Menores 'adictos' ao móbil
Por Marisa Ciordia |
-
Os adolescentes "coquetean" co alcohol, tabaco e drogas aos 14 anos
Por Redacción |
-
O traballo para previr condutas aditivas ten premio
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Oitenta carteis feitos por rapaces alertan dos perigos das condutas aditivas
Por Redacción |
-
Comezan os obradoiros de prevención de condutas aditivas nos institutos
Por Redacción |
-
Expresión artística para previr condutas aditivas
Por Redacción |
-
Un curso forma a mozos como mediadores en prevención de condutas aditivas
Por Redacción |
-
Un estudo municipal busca determinar se os mozos pontevedreses son adictos ao móbil e á Internet
Por Alejandro Espiño |