Un curso forma a mozos como mediadores en prevención de condutas aditivas
Por Redacción
O Plan municipal de prevención de condutas aditivas do departamento de Benestar Social Municipal (BSM) puxo en marcha dúas novas actividades co obxectivo de implicar dun xeito activo aos universitarios e mozos pontevedreses: un curso de formación de mediadores y un concurso de fotografía e curtametraxe.
Segundo informa o Concello, o curso de formación de mediadores en prevención de adiccións xa se está a desenvolver coa participación de 14 mozos. A actividade ten unha parte teórica na Casazul e unha práctica, un proxecto de intervención deseñado para a contorna de cada quen.
O obxectivo deste curso é que os novos mediadores poidan actuar no seu grupo de iguais, que sexan capaces de detectar condutas de risco cando están na súa actividade diaria, no seu lecer, no seu propio ambiente.
En relación co concurso universitario de fotografía e curtametraxe de prevención de condutas adictivas, realízase en colaboración coa Universidade de Vigo e a Consellería de Sanidade co fin de que sexan os universitarios os que aporten ideas impactantes na súa linguaxe que poidan servir de base para campañas de sensibilización e prevención do consumo de substancias aditivas.
O prazo para a presentación de proxectos remata o 30 de setembro.