Rafael Domínguez Vaz, referente na cirurxía de xeonllo, retoma a actividade médica en Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Rafael Domínguez Vaz é un traumatólogo de prestixio e, con todo, accesible e próximo no trato persoal. Acompañado do seu irmán Miguel e seguindo a estela do seu pai logrou converter o Hospital Domínguez nun centro de referencia no ámbito da sanidade privada.
Tras a venda do hospital ao Grupo Quirón Salud, o coñecido médico especialista pontevedrés decidiu dedicar 18 meses á investigación e a actualizar os seus amplos coñecementos en relación coas novas técnicas cirúrxicas para o tratamento das lesións de xeonllo. Tras esa etapa, amósase ilusionado coa súa volta á actividade médica e con retomar o contacto directo cos pacientes para coñecer as súas necesidades e doenzas na procura de atopar as mellores solucións.
Doctor Rafael Domínguez Vaz, a pregunta é obrigada, que foi o que lle leva a sentar na consulta médica do Policlínico do Grupo Quirón Salud e a tratar, de novo, cos pacientes?
Despois da venda do hospital decidín descansar un pouquiño porque quedaramos tremendamente cansos despois de todo o proceso, pero a medicina é a miña paixón e apetecíame retomala para dar unha calidade asistencial moi superior á que podiamos ofrecer antes cando tiñamos moitísimo traballo.
Como vai desenvolver esa actividade?
Agora fago unha consulta a pacientes privados. Traballo todas as mañás, entre o Hospital e o Policlínico. Dedícolle ao paciente todo o tempo que necesita. Ás veces estou cun paciente unha hora e media. Explícolle absolutamente todo. Quero que entenda, quero que me pregunte, quero que saiba. Informarlle absolutamente de todos os procedementos que ten que facer, dos riscos que poden levar. O certo é que a xente que vén sae encantada.
Vostede é un pioneiro, un referente médico, tanto para outros profesionais como para os pacientes, no tratamento de lesións de xeonllo.
Eu son un namorado da traumatoloxía e da cirurxía ortopédica, pero a miña gran paixón é o xeonllo. Si, fun un pioneiro como dis. No ano 1979 realicei a primeira artroscopia de xeonllo que se fixo en Galicia. Nese momento eramos oito ou nove persoas en España que empezamos a facer a cirurxía artroscópica. Estaba o doutor Raúl Puig Adell, que era un auténtico fenómeno, eu creo que foi o mellor artroscopista que houbo en España, Tom Estévez, De la Fuente, Mikel Sánchez, Ramón Cugat... e eu. E si, así foi, a primeira artroscopia que se fixo en Galicia realiceina eu no ano 1979.
E explíquenos, como lembra aquela experiencia?
"Eu teño visto lesións de todo tipo e sempre me brindo a comentar cos pacientes todas as posibilidades que existen para buscar a mellor solución"
A min gustábame o xeonllo porque ao meu pai xa lle gustaba tamén o xeonllo. O diagnóstico sempre resultaba complexo porque non tiñamos grandes técnicas para diagnosticar. Eran valoracións clínicas máis que outra cousa. Coa artroscopia puidemos ver o xeonllo por dentro e ver o menisco roto. Foi algo emocionante, incrible. Podías diagnosticar con exactitude cal dos dous meniscos estaba roto e onde estaba roto. Iso supuxo unha evolución determinante no diagnóstico das lesións meniscais.
E a partir desas primeiras artroscopias, cales foron os seguintes avances na cirurxía dos xeonllos?
Pasamos dous anos con certa frustración. Podiamos ver a rotura do menisco pero tiñamos que seguir abrindo o xeonllo, porque podiamos ver que estaba roto pero non tiñamos medios para poder operalo. Entón foi no ano 1983 cando as técnicas con cámaras de vídeo axustadas a un monitor de televisión e unhas pinzas Basket permitíronnos non só o diagnóstico exacto das roturas meniscais ou dos ligamentos cruzados senón que nos daba a posibilidade de operar un menisco. Iso foi impresionante. O paciente deixou de estar sete ou oito días nos hospitais cos grandes derrames articulares que se producían para pasar a unha situación na que tras a intervención, ao cabo de 24 horas, saían camiñando. A evolución foi brutal. O avance, sobre todo, manifestouse no mundo do deporte en xeral e no do fútbol en particular.
Supuxo un punto de inflexión, por tanto?
En canto á articulación do xeonllo, a cirurxía artroscópica revolucionouna totalmente e séguea revolucionando. Cada día temos máis medios para aplicar. No ano 83, eu realicei as primeiras cirurxías meniscais de Galicia.
E a partir dese momento, a artroscopia difundiuse como unha técnica fundamental para o tratamento das lesións de xeonllo?
Non só os pacientes, tamén os compañeiros cirurxiáns viñan ao meu hospital para ver como podían aplicar este tipo de técnicas. O material era tremendamente caro e non era sinxelo obtelo. Eu sempre fun un pioneiro nisto, gustábame e todo o dedicaba para poder operar este tipo de xeonllos. No ano 1986 todos estes avances aplicáronse á figura do ligamento cruzado anterior, unha lesión que aos futbolistas afastábaos da práctica deportiva. Aplicouse primeiro coas próteses dos ligamentos e despois coas plastias. Iso foi a revolución total. Xa non só operabamos os meniscos senón que tamén faciamos a cirurxía do ligamento cruzado.
"Nunca paramos de actualizar. Durante esta época na que decidín deixar de traballar seguía lendo e estudando novos avances dentro da cirurxía. A evolución é continua"
En todo caso, vostede continuou sempre buscando e traballando con novas técnicas?
Nunca paramos de actualizar. Durante esta época na que decidín deixar de traballar seguía lendo e estudando novos avances dentro da cirurxía. A evolución é continua. Nas reparacións do ligamento cruzado anterior, por exemplo, primeiro falabamos das próteses dos ligamentos pero tiñan un problema, eran próteses artificiais e, sobre todo no deporte de competición, non aguantaban e rompían. Pero sempre hai xente pioneira e veu un americano, Lenny Johnson, que puxo en práctica a técnica HTH (óso-tendón-óso) e con esa fórmula a reparación da substitución do ligamento cruzado anterior deixou de ser un problema. É unha técnica que segue vixente.
A Jesé e a outros xogadores do Real Madrid que se ían a operar fóra, durante estes últimos anos aplicóuselles este tipo de intervención. Apareceu posteriormente a técnica do En-dobutton, que se utiliza mediante tendóns semitendenosos recto interno. Faise unha plastia con eses tendóns e leva a cabo unha substitución da rotura do ligamento cruzado. Iso supuxo unha nova revolución, sobre todo nas lesións do xénero feminino porque as mulleres teñen un tendón moitísimo máis pequeno e necesítase unha plastia un pouquiño máis forte. Calquera das dúas técnicas é boa e ambas se atopan vixentes. Posteriormente a isto, as técnicas continuaron avanzando a través dos factores de crecemento, as proteínas ricas en plaquetas que unha vez activadas, inxéctanse e favorecen a rexeneración do tecido. Están totalmente indicadas nas cirurxías.
E estas técnicas, resultan invasivas?
Todo o contrario. Son técnicas minimamente invasivas. Co paso dos anos e coa práctica, as incisións son, cada vez, máis pequenas. Cos novos materiais nunha cirurxía dun ligamento cruzado anterior facemos unha incisión duns dous ou tres centímetros para recuperar a plastia e dous orificios pequeniños no xeonllo para poder ver a cirurxía mediante a cámara e para meter os instrumentos. É cirurxía minimamente invasiva.
"Nun ligamento cruzado, despois de operar, permitímoslle ao paciente camiñar nun prazo de catro ou cinco días cunhas órtesis durante dúas semanas, para que comece coa recuperación. Ao cabo de tres ou catro semanas xa se pode camiñar perfectamente"
-En canto se fixa o tempo de recuperación para unha operación destas características?
Nun ligamento cruzado, despois de operar, permitímoslle ao paciente camiñar nun prazo de catro ou cinco días cunhas órtesis durante dúas semanas, para que comece coa recuperación. Despois, ao cabo de tres ou catro semanas xa se pode camiñar perfectamente. Aínda que o deporte non se debe de realizar ata despois dos seis meses. Por iso cando vemos que un deportista rompe un ligamento cruzado, ata o prazo de seis meses non oímos falar del. Que está a facer? Está na enfermería gardando repouso e practicando moitísima actividade física.
Pero para unha persoa non deportista, a incorporación á súa actividade habitual é, estonces, moitísimo menor?
A recuperación dunha persoa que non necesita facer un deporte de competición é breve. Ao cabo de tres catro ou cinco semanas da intervención pode estar a traballar nunha oficina, facendo unha vida completamente normal.
Resulta sorprendente, porque ata hai uns anos isto era case impensable, non?
Si, isto foi evolucionando dunha maneira extraordinaria. As estabilizacións dos ligamentos son moitísimo máis efectivas. Pódense permitir os movementos e a carga moitísimo antes.
Doutor Domínguez, cantos xeonllos terán pasado polas súas mans?
Pois teño que dicir que no 2012 deixei de contabilizar as artroscopias que realizara e levaba xa 14.772.
É unha cifra impresionante.
Si, xa pasarían das 15.000.
Supoño que nalgúns casos con resultados sorprendentes mesmo para vostede, non é así?
Si, houbo casos difíciles dalgúns xogadores que non eran coñecidos. Vin lesións gravísimas coas que primeiro se tentaban unhas técnicas e despois outras pero sempre, grazas a Deus, obtiven uns resultados excelentes.
Falemos agora das próteses, como evolucionou este campo?
Os xeonllos sofren moito debido á artrose. Poderiamos falar tamén da cadeira e do ombreiro. Pero onde a xente sofre máis e temos máis experiencia e mellores posibilidades de tratamento cirúrxico é no xeonllo e tamén na cadeira. Hoxe en día as próteses son inmellorables. Sempre digo que unha prótese de xeonllo é unha solución boísima a un problema que xa non ten solución. Cando hai un xeonllo que xa non che permite camiñar, que che doe na cama, que che doe ao mínimo movemento, hoxe en día pódese facer perfectamente unhas próteses de xeonllo.
"A través dunha técnica de reconstrución 3D do xeonllo do paciente obtemos unhas pezas que permiten uns cortes especiais personalizados para o paciente"
Pero cando unha persoa debe pasar pola consulta dun traumatólogo?
A evolución nas artroses de xeonllo é moi lenta. Empézase cunhas molestias articulares que ceden cun antiinflamatorio, pero pasa o tempo e o antiinflamatorio xa non che axuda. Tense que acudir ao traumatólogo, ao rehabilitador, ao fisioterapeuta para que esas molestias vaian diminuíndo.
Nas artroses de xeonllo hai catro fases, a primeira, a inicial, pasa co antiinflamatorio. A segunda fase é máis complexa, o xeonllo doe con máis frecuencia, aí está indicado o tratamento co ácido hialurónico, un compoñente que se atopa no interior dos tecidos do xeonllo e da cartilaxe, que permite a diminución da dor de forma importante. Xa nas fases tres ou catro é necesario acudir directamente á cirurxía. Tamén nestas fases pódese utilizar o ácido hialurónico para aquelas persoas ás que lles doe moito pero non se deciden a levar a cabo unha intervención. Cando se inicia a operación, hoxe en día contamos con próteses personalizadas. Eu desde hai tres ou catro anos só traballo con iso. Son próteses personalizadas da casa Biomet, que é coa que traballo. A través dunha técnica de reconstrución 3D do xeonllo do paciente obtéñense unhas pezas que permiten uns cortes especiais personalizados para o paciente. Os xeonllos quedan, como se pode dicir, perfectos.
E elabóranse a través de técnicas 3D?
É unha reconstrución. Hai que facer unha resonancia da cadeira, do xeonllo e do nocello. É unha resonancia especial. As imaxes trasládanse á casa comercial que busca e estuda os eixos de flexoextensión, de rotación, de anteversión, de retroversión do xeonllo e entón envíannos unhas imaxes que nós vemos nun monitor dun computador e decidimos o tamaño do corte que temos que facer tanto na tíbia como no fémur. Cando nós decidimos os cortes prefixados, a casa comercial reconstrúe o xeonllo do paciente en 3D, fai esas pezas de corte e crea un xeonllo perfecto en todos os seus graos porque se axusta. É sensacional porque son personalizados.
Que prazo de tempo leva unha intervención deste tipo?
Tres semanas. A través do correo electrónico estamos en permanente contacto coa empresa. Hai xeonllos tremendamente difíciles pero hai comunicación directa coa parte informática da casa comercial e indicámoslles as dificultades deses xeonllos máis especiais, informándoos das complexidades. Pero nós en tres ou catro semanas temos as pezas de corte para operar ao día seguinte.
Parece que non hai límites no terreo da traumatoloxía
Si. Nós aplicamos, nestes tipos de artroses, os factores de crecemento á parte do ácido hialurónico porque os factores axudan a rexenerar. Hoxe en día hai un produto, o BST-CarGel, que se emprega nas lesións cartilaxinosas únicas en xeonllo. Nestes casos, o xeonllo está ben pero unha parte da cartilaxe atópase moi mancada. Este produto únese ao propio sangue autólogo e énchese coma se fose con cemento. Cóbrese este oco rexenerando tecido e cartilaxe. As lesións únicas, pequenas e non tan pequenas, énchense con este produto, que permite non ter que facer unha prótese unicompartimental ou unha prótese total. Iso está a evolucionar tamén cara ao terreo dos estudos biolóxicos. Unha vez comprobado, nós podemos facer ese tipo de cirurxías que non son nada invasivas. É a tendencia actual.
Como especialista no xeonllo, considera que as prácticas deportivas a idades avanzadas e, por exemplo, con sobrepeso son prexudiciais?
O xeonllo é unha articulación moi complexa e, ao mesmo tempo, moi agradecida. O exercicio físico é fundamental, pero todas as lesións, dentro do deporte, realízanse e provócanse tamén a través do exercicio físico. Se unha persoa con sobrepeso realiza un deporte fóra da súa estrutura anatómica eses xeonllos sofren. Hoxe en día hai técnicos, especialistas, nutricionistas que recomendan alimentacións para que se poida facer un deporte con facilidade e sen lesionarse.
"A lesión de menisco é a máis habitual, sobre todo na xente nova. Nas mulleres, a contormalacia rotuliana"
Os hábitos alimenticios tamén xogarán un papel importante para minorar a presenza de lesións, non é así?. A dieta mediterránea é a máis adecuada?
É a ideal para este tipo de situacións. Pero, hoxe en día, os nutricionistas xogan un papel importante do mesmo xeito que os técnicos especiais de recuperación. Os deportistas póñense en man de fisioterapeutas e están preparados para ofrecer as mellores condicións para exercer a práctica deportiva.
Cales son as principais lesións de xeonllo coas que se atopa?
A lesión de menisco, sobre todo na xente nova. Nas mulleres, a contormalacia rotuliana. Trátase dunha artrose da cartilaxe da rótula. É moi habitual e produce moita dor dentro da articulación. En deporte máis profesional: fútbol, beisbol, rugby... o ligamento cruzado anterior creo que é a lesión máis complicada. Hai outras, as do ligamento cruzado posterior, por exemplo, pero xa son menos frecuentes.
E en deportes como o tenis ou o pádel, tamén é habitual detectar algunhas lesións de xeonllo?
No tenis e no pádel, as tendinites é moi frecuente. É moito menos frecuente unha rotura de ligamento cruzado anterior nun tenista pero as tendinites si, a epicondilite, o clásico cóbado de tenis, provoca que un deportista baixe de categoría en moi pouco tempo. E tamén é habitual atoparse coas tendinites rotulianas. Hai que acordarse de Rafael Nadal, que permaneceu case sete meses parado e curouse grazas aos factores de crecemento, se non sería imposible a súa recuperación agás que optase pola cirurxía.
Falando de tenis, vostede pode presumir de gañarlle ao entón presidente do Goberno, Adolfo Suárez, un partido de tenis individual.
Foi algo moi curioso. Sucedeu cando Suárez veu pasar as vacacións na leira da Atlántida, no Grove. El era un namorado do tenis. Tiña un axudante de campo que veraneaba sempre en Sanxenxo e se achegaba pola casa do meu pai, en Areas, onde xogabamos habitualmente ao tenis. A pista da Atlántida onde se atopaba Suárez era moi mala e na que xogabamos nós era perfecta. Adolfo Suárez decatouse. Chamou a través do seu axudante de campo para ver se podía xogar alí un pouco. Era a súa paixón. E veu. Encantoulle o ambiente porque era súper familiar. E durante os vinte días que estivo, dez ou doce escapábase para vir xogar. Case sempre xogabamos partidas de dobres. Eu era moi novo e un día díxenlle: Adolfo (el non quería que lle tratásemos de presidente), que che parece se botamos un partido individual? El xogaba ben.
Rafael Domínguez díxolle a Adolfo Suárez: " non che vou deixar gañar porque quero decirlle un día aos meus fillos que gañei a un presidente do Goberno xogando un partido de tenis"
Eu díxenlle: mira, non che vou a deixar gañar porque quero dicirlle un día aos meus fillos que lle gañei a un presidente do Goberno xogando un partido de tenis. Foi un partido que durou dúas horas e media. E o resultado non indica o competitivo que foi. Gañeille 6-2; 6-3. Pero todos os xogos eran igualados, vantaxe para un, vantaxe para o outro... Cando acabou, el quedou un pouco picado. E díxome: "quero o desquite na Moncloa". E díxenlle: "pois... cando queira". Nesa época estaba a facer o máster de xerencia de Hospitais e ía todos os meses a Madrid. Nun deses meses, en outubro ou novembro, falei co axudante de campo e quedamos para un día.
E aí entrei eu na Moncloa ás 10.00 da mañá, un día de semana en que el non tiña unha gran actividade. Ensinoume a Moncloa, o Consello de Ministros... Eu estaba encantado. E cando estabamos a nos cambiar para xogar, chamárono porque houbo un atentado de ETA no que faleceron catro gardas civís e frustrouse aquel partido. Nunca chegou a realizarse o desquite. Conservo fotos con el, que era moi cordial, e deixábase facer fotos con todos. Si. teño fotos con el moi bonitas.
Despois de tantas experiencias acumuladas, agora afronta esta nova etapa profesional con ánimos renovados?
Estou moi ilusionado porque vou dar unha gran calidade. A min o xeonllo apaixóname, sempre fun unha persoa que atendín con grandísimo agarimo porque é algo que o meu pai me ensinou desde o primeiro día. Gústame que a xente me pregunte, que me interrogue sobre todas as dúbidas e analizar as súas complicacións terapéuticas, as súas lesións e as súas doenzas. E iso hoxe en día non se ofrece.
A min gústame estudar os casos a través das técnicas diagnósticas: scanner, resonancia, radioloxía, ecografía, experiencia clínica... Eu vin lesións de todo tipo e sempre me brindo a comentar cos pacientes todas as posibilidades que existen para buscar a mellor solución e marcar os tempos para acometer o tratamento. É máis, eu convídoos a que se informen moito nas redes sociais, a min encántame que me digan: "a este señor foille mal unha técnica" e eu explícolle que non todas as técnicas son apropiadas para todos os pacientes. Sempre busco o diálogo personalizado, porque entendo que é algo fundamental na relación entre o médico e o paciente.
*Esta entrevista realizouse en língua española integramente. Traduciuse para a versión en galego de PontevedraViva
Relacionadas:
-
RADIO.- Rafael Domínguez, o traumatólogo pontevedrés que gañou ao tenis a Adolfo Suárez
Por Anxo Lourido |
-
A familia Domínguez vendeu o seu hospital ao grupo Quirónsalud
Por Redacción |
-
A familia Domínguez vendeu o hospital para garantir a súa continuidade: "No queríamos presenciar su decadencia"
Por Natalia Puga |
-
Quirónsalud compra o Hospital Domínguez
Por Alejandro Espiño |