A familia Domínguez vendeu o hospital para garantir a súa continuidade: "No queríamos presenciar su decadencia"
Por Natalia Puga
A familia Domínguez levaba meses negociando a venda do seu grupo sanitario que culminou o pasado venres 16 de outubro coa sinatura definitiva con Quirónsalud en Madrid. Detrás desa decisión de desfacerse dunha empresa fundada por Miguel Domínguez pai en 1948 -o hospital abreu o 16 de xullo de 1949- non hai unha soa causa concreta, senón que é "una suma de razones". Unha delas está moi vencellada co futuro das instalacións sanitarias, pois as inversións tecnolóxicas que era necesario asumir "podía ser que nos constase mucho llegar a poder implantarlas y en ningún caso queríamos presenciar la decadencia del hospital".
"De esta forma garantizamos su continuidad", asegurou un dos propietarios, Miguel Domínguez, este luns. Citou a todos os traballadores do hospital no salón de actos situado no sexto piso para confirmar a noticia adiantada por PontevedraViva e garantiulles que, con esta decisión, a empresa "sobrevivirá a todos nosotros". A intervención de Miguel e Rafael Domínguez, fillos do fundador do hospital, espertou os efusivos aplausos do equipo e terminou con ambos os dous fundíndose en apertas coas varias decenas de traballadores presentes.
Durante os últimos meses a familia negociou con máis posibles compradores dos que non quixeron dar a coñecer detalles. Outro dos motivos que lles animou a dar o salto definitivo cara á venda foi a falta de substitución xeracional na xestión da empresa. Na familia hai varios médicos, pero nin Alberto Domínguez -irmán de Miguel e Rafael- nin os fillos dos socios actuais querían asumir a dirección da empresa. "No quisieron en ningún caso dejar su profesión para dedicarse a la gestión", indicou. Todos eles seguirán vinculados ao hospital como traballadores.
A venda a Quirónsalud leva aparellado un acordo polo que se manterá o persoal actual do grupo sanitario, uns 350 traballadores, e así llo fixo saber Miguel Domínguez aos empregados, aos que asegurou que a súa "principal preocupación" era garantir os seus postos de traballo, pois eles son "los que le dieron la categoría" ao centro. A venda implica ao hospital e ao resto do seu grupo, o hospital La Merced, o centro policlínico e o centro de rehabilitación.
Tras a venda, Miguel Domínguez móstrase convencido de que os servizos que presta o hospital "se mantienen de momento exactamente igual" e "no se va a suprimir ningún servicio". De todos os xeitos, corresponderá aos novos xestores decidir que fará e considera que "seguramente ampliará" as instalacións.
A familia Domínguez agradece aos xa novos propietarios que este luns deixáralles despedirse do persoal antes de asumir a xestión, algo que será "inmediato". E, nesta despedida, desfixéronse en eloxios ao grupo adquirinte, unha empresa "líder en el sector de la sanidad privada", "una de las más fuertes de Europa" e que se caracteriza pola súa especial "sensibilidad" cara aos seus traballadores, "dedicación" aos pacientes e "vocación hacia la inversión".
Emocionado por momentos, Miguel Domínguez móstrase seguro de que a experiencia de Quirónsalud como propietarios de 40 centros sanitarios en España, un deles o Santa Teresa da Coruña, "va a favorecer" aos pacientes pontevedreses e aos traballadores, pois "van a disponer de más y mejores medios".
Relacionadas:
-
Rafael Domínguez Vaz, referente na cirurxía de xeonllo, retoma a actividade médica en Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Óscar Alonso, novo xerente do grupo hospitalario Miguel Domínguez
Por Redacción |
-
A familia Domínguez vendeu o seu hospital ao grupo Quirónsalud
Por Redacción |
-
Quirónsalud compra o Hospital Domínguez
Por Alejandro Espiño |