A Deputación premiará á xente nova
Por Redacción
O Boletín Oficial da Provincia deste luns publica as bases da primeira convocatoria dos "Premios Provinciais á Xuventude", dirixidos á mocidade da provincia de entre 16 e 35 anos.
A Deputación de Pontevedra convoca estes premios que están dotados con 21.000 euros, repartidos entre sete categorías, e teñen como obxectivo "promover o talento e o potencial da xuventude da provincia".
Ademais, o mércores 5 de abril ábrese o prazo de presentación dos traballos e estará aberto durante dous meses, ata o 4 de xuño.
As sete categorías ás que poderán optar as persoas participantes son:
- Iniciativa social (dous premios)
- Iniciativa empresarial (outros dous premios), para ambos os casos con proxectos de proxección e impacto social que favorezan a igualdade
- Blogs (tres premios) que promovan a igualdade, a educación en valores, a formación, o asesoramento, as actividades de voluntariado, culturais e/ou deportivas dirixidas á mocidade
- Educación en valores (dous premios) para proxectos que persigan a consecución da non violencia en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social, así como a prevención do acoso escolar e o ciberacoso
- Traballo musical (tres premios) para persoas sen contratos discográficos vixentes
- Traballo literario breve (tres premios)
- Fotografía orixinal (tres premios).
Todas as categorías teñen unha partida de 3.000 euros, distribuídos entre 2.000 euros ao primeiro premio e 1.000 euros ao segundo, para aquelas que contan con dous galardóns; e 1.500 euros ao primeiro, 1.000 euros ao segundo e outros 500 euros ao terceiro premio nas categorías con tres galardóns asignados.
Nas bases dos "I Premios Provinciais á Xuventude" poderanse consultar os demais requisitos que deben cumprir as persoas (físicas e xurídicas) participantes e os traballos, así como os medios de presentación dos mesmos e a documentación que deberán adxuntar a maiores en cada unha das categorías.