Preto de cen proxectos optan aos primeiros Premios Provinciais á Xuventude
Por Redacción
Un cento de traballos, remitidos por mozos e mozas da provincia entre 16 e 35 anos, optan a ser recoñecidos na primeira edición dos Premios Provinciais á Xuventude, galardóns que convocou a Deputación de Pontevedra.
A convocatoria conta con sete categorías, cada unha delas con 3.000 euros entre primeiros, segundos e terceiros premios e serán fallados na última quincena de novembro.
Así, hai 29 propostas finalistas para fotografía, 24 traballos literarios breves ou 15 gravacións musicais, 12 propostas na categoría de blogs, outras 6 na de iniciativa empresarial, 3 proxectos de educación en valores e 2 proxectos de iniciativa social.
Os premios teñen como obxectivo promover o talento e o potencial da xuventude da provincia de Pontevedra.
Nas categorías de traballo literario breve, traballo musical, fotografía e blogs haberá un primeiro premio de 1.500 euros, un segundo de 1.000 euros e un terceiro de 500 euros. Para as iniciativas sociais e empresariais e para os traballos de educación en valores establecéronse primeiros premios de 2.000 euros e segundos premios de 1.000 euros.
Cada un dos xurados das respectivas categorías mantiveron xa este venres as súas primeiras reunións para analizar os proxectos presentados.