A Deputación premia o "enorme talento" da mocidade
Por Redacción
O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra foi escenario este xoves da primeira gala dos Premios á Xuventude, impulsados polo servizo de Cohesión Social e Xuventude para incentivar e promover o talento dos mozos e mozas da provincia.
A gala, presidida pola presidenta provincial Carmela Silva, estivo presentada polo escritor Manel Loureiro, nuns premios que contaban cunha contía económica de 21.000 euros.
En total presentáronse 91 traballos dos cales 29 foron propostas para a modalidade de fotografía, 24 para traballos literarios breves, 15 gravacións musicais, 12 propostas na categoría de blogues, 6 de iniciativa empresarial, 3 proxectos de educación en valores e 2 de iniciativa social.
O xurado tivo que seleccionar entre as 91 propostas enviadas as tres mellores nas modalidades de traballo literario breve, traballo musical, fotografía e blogues e as dúas mellores nas categorías de iniciativas sociais e empresariais e traballos de educación en valores.
Na modalidade de iniciativa social o primeiro premio (2.000 euros) foi para o lalinense Pablo Romero polo 'Mes cultural de axuda ao pobo saharauí', mentres que o segundo premio (1.000 euros) foi para o Cento Xuvenil ABERTAL de Vigo polo 'Club de lecer para persoas con discapacidade'.
En iniciativa empresarial o gañador foi o moañés Xulián Chapela polo proxecto ' Xiro Atlantic Denim' e o segundo premio foi para Guillermo Juncal por 'A voda de Nerea', mentres que o IES Pintor Colmeiro de Silleda foi recoñecido con en educación en valores, categoría na que o segundo premio foi para Filipenses Misioneiras de Ensino.
Mónica Lemos recibiu o primeiro premio en blogues pola iniciativa 'Obxectivo Tutti- Frutti', mentres que segundo foi Ángel Santomé, de Cerdedo-Cotobade, por 'Guíate Galicia' e terceiro Miguel García por 'Aernobriga'. Pola súa banda en fotografía foron premiados por esta orde Andrea Mariño por 'Señoras ben señoras fetén', Sarai Costa por 'Espera' e Diego Rincón por 'O descanso da guerreira'.
En canto aos mellores traballos musicais o primeiro premio foi para Álvaro Manuel Beiró por ' Dawn of inspiration', o segundo para Jairo Daponte e Eloi Pascual por 'Inmemorial' e o terceiro foi para o IES As Barxas de Moaña.
Completou o palmarés da gala en traballo literario breve Pablo Lourido por 'Facer as preces' en primeiro lugar, María Argibay con 'Biquei a area' no segundo e Tamara Andrés por 'Os amantes tráxicos' na terceira.
Para a presidenta provincial Carmela Silva o talento da mocidade pontevedresa é motivo de orgullo, e mostrouse convencida de que "hai futuro, podemos ser optimistas porque co profesaroado e o alumnado que temos podemos facer unha sociedade distinta", sinalou na súa intervención.