Reto conseguido! Xuntos no Camiño chega a Compostela
Por Redacción
Os máis de cen participantes no proxecto "Xuntos no camiño" completaron este sábado 25 de marzo os 12 quilómetros que unen As Galanas (Teo) e a Praza do Obradoiro, polo Camiño Portugués a Santiago de Compostela, cos que culminaron o reto que comezaron en Tui o pasado 22 de xaneiro.
"Xuntos no camiño", que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, completou así por etapas os 120 kilómetros da ruta xacobea desde Tui ata Compostela para amosar que as patoloxías que representan este colectivos non son un impedimento, e para seguir reclamando medidas que normalicen o seu día a día.
Nesta etapa, os participantes estiveron acompañados polo conselleiro de Sanidade, Xesús Vázquez Almuiña, e por Susana Ruiz Mostazo, unha deportista con diabete tipo 1, que é un claro exemplo de que, con vontade e cos necesarios apoios por parte da sociedade, as barreiras poden superarse.
Durante o percorrido desta derradeira etapa, como en xornadas anteriores, os peregrinos, entre eles nenos con enfermidades crónicas, parálise cerebral e outras patoloxías, intercambiaron experiencias e coñecemento sobre a súa realidade e remarcaron o trazado do Camiño Portugués con frechas e cunchas de vieira pintadas en amarelo.
Ao chegar a praza do Obradoiro Alba Villanueva Pérez, unha nena de 12 anos con diabete tipo 1 leu un manifesto en nome de todos os participantes no que destacaron que "facendo o camiño portugués demostramos á xente que as únicas limitacións que temos son as que nos poñen desde fóra e que podemos facer todo o que nos propoñamos. Coñecimos a xente marabillosa, fixemos moitos amigos e aprendimos a respectar as diferenzas dos demais. Ademais, superamos os nosos límites persoais, aínda que nos queda moito polo que loitar".
No acto estiveron tamén representantes dos concellos polos que transcorre o Camiño Portugués a Santiago, da Deputación de Pontevedra, da Asociación de Amigos do Camiño Portugués así como da Garda Civil e de Protección Civil, que acompañaron durante o percorrido aos peregrinos para facer máis accesible o camiño.
A Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia (ANEDIA)
A Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia (ANEDIA) reivindica que haxa unha resposta da sociedade para normalizar a súa vida, con medidas como a de integrar a educación diabetolóxica en pediatría ou adaptar os protocolos dos centros escolares ás súas necesidades, que en moitos casos non admiten que os nenos con diabete poidan, por exemplo, ir a unha excursión.
Asociación Socio-sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal (ASSEI)
ASSEI, a Asociación Socio-sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal, ten como obxectivo defender os dereitos das persoas afectadas, apoiándoas desde o punto de vista físico e psicolóxico, atendendo tamén aos seus familiares e contorna social e sensibilizar ás institucións e á opinión pública para a integración destes pacientes na sociedade
Asociación de Amigos da Pontevedrada (ASAMPO)
A Asociación de Amigos da Pontevedrada (ASAMPO) promove diversas iniciativas solidarias ao longo do ano para concienciar á poboación da importancia da doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos, co obxectivo de fomentar e preservar a vida. Entre elas destaca a Pontevedrada, unha marcha nocturna desde Pontevedra ata Santiago que en 2017 se celebrará o vindeiro 29 de abril.
Asociación PEDALADAS
PEDALADAS traballa para promover o uso da mobilidade alternativa e sustentable, así como na defensa dos dereitos dos ciclistas na vía pública. En 2016 súmanse xunto a outras asociacións, entre elas AMENCER-ASPACE, ao proxecto Rodando, co obxectivo de promover unha mobilidade universal e inclusiva e mostrar que o ciclismo é unha alternativa adaptada ás persoas con diversidade funcional, sempre que existan os medios e o apoio necesarios.
Asociación de Atención á Parálise Cerebral AMENCER-ASPACE
A Asociación de Atención á Parálise Cerebral, Afectacións Motóricas de orixe neurolóxica e outras patoloxías afíns, reivindica que haxa unha resposta da sociedade para normalizar a vida destes nenos, con medidas de inclusión que favorezan a súa participación activa, especialmente a través de actividades accesibles, garantindo a súa mobilidade.
Relacionadas:
-
O Camiño de Santiago estará máis vixiado durante a Semana Santa
Por Oskar Viéitez |
-
A parálise cerebral, protagonista da quinta etapa do reto Xuntos no Camiño
Por Redacción |
-
Xuntos no Camiño completa dúas novas etapas
Por Redacción |
-
Os participantes do reto "Xuntos no Camiño" afrontan dúas novas etapas
Por Redacción |
-
Máis de 80 persoas inician o Camiño Portugués a Santiago para facer visibles as súas doenzas
Por Redacción |
-
Cinco asociacións unidas e un Camiño Portugués a Santiago
Por Anxo Lourido |
-
Cinco asociacións de Pontevedra poñen en marcha o proxecto "Xuntos no Camiño"
Por Redacción |