Cinco asociacións unidas e un Camiño Portugués a Santiago
Por Anxo Lourido
Partirán este domingo ás 8.00 horas do Pavillón dos Deportes de Pontevedra en autobús ata Tui. Alí desde a Catedral, os integrantes de cinco asociacións de Pontevedra comezarán a camiñar para poñer en marcha un proxecto conxunto baixo o nome de Xuntos no Camiño para compartir experiencias realizando por etapas o Camiño Portugués a Santiago e, ao mesmo tempo, facer un chamamento para que se normalice o día a día das persoas que forman parte destas asociacións e sofren algunha enfermidade.
Nesta iniciativa participan ASAMPO (Asociación de Amigos da Pontevedrada) que reivindica as doazóns, ASSEII (Asociación Socio-sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal), ANEDIA (Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia), PEDALADAS (Asociación para a Promoción da Mobilidade Alternativa) e AMENCER-ASPACE (Asociación de Atención á Parálese Cerebral, afectacións motóricas de orixe neurológica e outras patoloxías afíns).
Este sábado presentaron a proposta no Albergue de Peregrinos co beneplácito de Tino Lores, o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago, que lles explicou o funcionamento do centro onde estes peregrinos van aloxarse durante unha noite. No acto tamén participou a deputada Digna Rivas, que garantiu o apoio da Deputación Provincial nas actividades destes colectivos.
Este domingo partirán da Catedral de Tui máis de 70 participantes, entre as que figuran menores e persoas con discapacidade. Trátase da primeira etapa das sete previstas durante as próximas fins de semana. A deste domingo tamén é a máis longa cun percorrido superior aos 17 quilómetros ata chegar ao Porriño.
Neste sentido, a presidenta de Anedia, Ana Pérez, sinalou que os integrantes de Amencer-Aspace só realizarán unha media de cinco quilómetros por etapa, debido a que o Camiño non se atopa adaptado para os vehículos que van utilizar estas persoas que presentan, nalgúns casos, unha mobilidade reducida.
O obxectivo é finalizar o 25 de marzo en Santiago en compañía de Susana Ruiz, unha moza navarra diabética que ascendeu ao Himalaya. Durante o percorrido, os participantes realizarán diferentes actividades como a de remarcar o trazado do Camiño con frechas e cunchas de vieira pintadas en amarelo.
Relacionadas:
-
Amencer-Aspace organiza unha gala solidaria para adquirir novas bicicletas adaptadas
Por Redacción |
-
Reto conseguido! Xuntos no Camiño chega a Compostela
Por Redacción |
-
A parálise cerebral, protagonista da quinta etapa do reto Xuntos no Camiño
Por Redacción |
-
Xuntos no Camiño completa dúas novas etapas
Por Redacción |
-
Os participantes do reto "Xuntos no Camiño" afrontan dúas novas etapas
Por Redacción |
-
Máis de 80 persoas inician o Camiño Portugués a Santiago para facer visibles as súas doenzas
Por Redacción |
-
Cinco asociacións de Pontevedra poñen en marcha o proxecto "Xuntos no Camiño"
Por Redacción |