A liña de alta tensión de Monte Porreiro estará soterrada en 2018
Por Redacción
Representantes de Gas Natural Fenosa mantiveron unha reunión con representantes do goberno local de Pontevedra para presentar o proxecto de soterramento de alta tensión que ten previsto para a urbanización de Monte Porreiro.
O concelleiro de Obras, Luís Bará, indicou que a empresa ten previsto levar a cabo un proxecto máis amplo do que contemplaba inicialmente. Dos 700 metros de canalización iniciais agora acometeranse 1.800 metros, cun trazado previsto desde a subestación da parroquia de Mourente ata o río Lérez. Neste tramo suprimiríanse nove torres de alta tensión.
Contémplanse agora dúas opcións para acometer os traballos. A primeira trasladaríase desde a rúa Portugal ata a UNED, que segundo o concelleiro Luís Bará levaría o inconveniente de volver intervir en rúas que xa se abriron como é o caso de Portugal e da contorna dos Campos. A segunda opción expón o soterramento a través dunha pista que parte da Rúa dos Campos e trasládase ata Os Areás ao longo dun quilómetro. Esa pista atópase en mal estado, segundo Bará e o Concello ten previsto o seu arranxo e xa se podería aproveitar para acometer estes traballos. Os técnicos teñen que comprobar se o ancho da rúa permitiría introducir todas as tubaxes.
Bará evitou falar de prazos concretos pero trasladou que a empresa contempla que se non hai obstáculos na aprobación do proxecto por parte da Xunta de Galicia e da Deputación, en 2018 as obras estarían completadas. O único gasto para o Concello sería o de completar a segunda torre, situada xunto ao río, preto da gardería infantil.
Estes traballos completaríanse con outras actuacións como o da supresión da torreta da Uned e co soterramento da liña que vai desde Os Campos ata Tafisa, a través dun acordo coa Deputación e Gas Natural Fenosa.
Relacionadas:
-
Toda a corporación municipal urxe o soterramento do transformador en Monte Porreiro
Por Oskar Viéitez |
-
Marea pide soterrar o transformador eléctrico de Monte Porreiro
Por Redacción |
-
Bará pide á Xunta que obrigue a Fenosa a soterrar a liña de alta tensión de Monte Porreiro
Por Redacción |
-
O BNG preguntará á Xunta polo soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro
Por Oskar Viéitez |
-
O Bloque pedirá á Xunta o soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta devolve ao tellado do Concello o atraso no soterramento da alta tensión de Monte Porreiro
Por Redacción |