A Xunta desvincúlase do atraso no soterramento da alta tensión e recorda ao Concello que Monte Porreiro "tamén é Pontevedra"
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, desvinculouse este venres de calquera atraso na obra de soterramento da liña de alta tensión que atravesa o barrio de Monte Porreiro e amparouse en que a execución da mesma non é competencia autonómica senón local.
Cores Touris reuniuse cos veciños da asociación O Mirador de Monte Porreiro para analizar a situación do soterramento da liña de alta tensión e, segundo o comunicado emitido pola Xunta de Galicia logo do encontro, recordoulles que debe ser o Concello de Pontevedra quen pida a axuda que ofrece a Xunta de Galicia a través dunha liña de subvencións para soterramento de liñas eléctricas da Consellería de Economía e Industria.
A Xunta explicou que con esta reunión Cores Tourís da resposta a petición dos veciños de manter con eles unha reunión para estudar o retraso que está a vivir o soterramento desta infraestrutura.
"A pasada semana acudimos a este barrio de Pontevedra para comprobar o avance das obras de humanización na rúa Alemania que está a executar a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e os veciños pedíronnos esta reunión. O millón douscentos mil euros que se investiron nestes traballos veñen a demostrar o compromiso da Xunta con esta urbanización e cos veciños da cidade do Lérez", explicou o delegado territorial.
O delegado territorial valorou que "o que non é de recibo e que, ao longo de dous anos e con dous gobernos autonómicos distintos, o concello de Pontevedra rexeitara en dúas ocasións executar este soterramento. En ambas Fenosa comprometeuse a colaborar e nas dúas ocasións quedou todo en nada porque o concello preferiu solicitar a axuda para soterrar outras liñas eléctricas da cidade".
Logo do encontro o represante da Xunta quixo "insistir no feito de que soterrar esta liña de alta tensión non é competencia da Xunta. Xa o temos dito en moitas ocasións. Hai quen di que non se fai nada a este respecto porque estamos a enfrontarnos ao concello, pero non é certo".
Para Cores Tourís, trátase dun erro "que non entendemos, xa que acolléndose a esta subvención incluso podería incluír na mesma a obra civil, co cal o custo sería moi reducido para o municipio". Recorda, ademais, que "o Concello ten que colaborar para axudar a este barrio da cidade. Eles tamén son veciños de Pontevedra".
Relacionadas:
-
Bará pide á Xunta que obrigue a Fenosa a soterrar a liña de alta tensión de Monte Porreiro
Por Redacción |
-
A liña de alta tensión de Monte Porreiro estará soterrada en 2018
Por Redacción |
-
O Bloque pedirá á Xunta o soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro
Por Oskar Viéitez |
-
O PP explica á asociación O Mirador o "baleiro administrativo da área humanizada en Monteporreiro"
Por Redacción |
-
Cores Tourís asegura que o Concello "discrimina" aos veciños de Monte Porreiro por non soterrar a liña de alta tensión
Por Oskar Viéitez |
-
Protestan contra Xunta e Concello pola alta tensión
Por Oskar Viéitez |