San Benitiño de inverno é só para os máis devotos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Martes 21 de marzo, día de San Benito de inverno, que ten as mesmas propiedades que o de verán pero conta con menos devotos que se acheguen ata a romaría que se desenvolve na contorna do mosteiro de Lérez. Alí, nesta xornada arredor de medio cento de persoas participaban na procesión do santo máis milagreiro despois da misa central.
O campo da festa e os accesos ao templo volvían estar ateigados de vendedores de candeas que recollen as formas do corpo para despois ofrecelas ao santo, rosquillas, música e produtos tradicionais. Tampouco falta a carpa para tomar o habitual polbo á feira.
Aurora, unha muller que leva toda a vida na parroquia axudando nas actividades de organización e venda de estampas de San Benitiño e do aceite bendito, explica que hai menos xente nesta festividade invernal porque coincide cun día lectivo e laborable, ademais de que o tempo a primeiras horas da mañá non axudaba a que se achegaran fieis debido ás fortes choivas e ao vento.
Os organizadores sinalan tamén que a economía segue sendo outro dos principais problemas que reduce a presenza de devotos nesta festa. "A xente non ten diñeiro. Non sei se por iso se fai incrédula", afirma Aurora.
Un frasco con aceite bendicido polo cura Don Crisanto ten un prezo dun euro e axuda a eliminar verrugas e manchas, a coidar a pel e mesmo ten propiedades curativas, aseguran, de dores máis grandes.
"Unha señora que tiña unha mancha impresionante no brazo, botou o aceite e ao ano lle pasou" confesan, para a continuación relatar outro caso "unha señora tiña un netiño que estaba moi enfermo, levou aceite de San Benito, fíxolle a cruz no peito e o neno está aí", apuntan afirmando as virtudes do aceite, mentres escriben algunhas das experiencias vividas co líquido santificado nunha libreta para que cubran os fieis. Na mesma mesa tamén pode atoparse un libro escrito polo párroco sobre os 21 milagres que se lle teñen recoñecido ao santo. "Isto é a xoia da coroa", indica a vendedora.
Aurora sinala que moitos dos devotos seguen querendo levar o aceite que está na lámpara en lugar do que se vende nos frascos. Ela aclara que o da lámpara leva menos días no recipiente mentres que o dos frascos pasou máis tempo en contacto co cobre e sométese a todo o proceso artesanal coa bendición final do crego. "Dá moito traballo", afirma para sinalar que o importante, en todo caso, para que agromen os milagres é que haxa fe.
O 11 de xullo, a romería volverá á parroquia de Lérez co San Benito de verán.