E este San Benito milagreiro, para que é?
Por Redacción
Din que é o santo máis milagreiro e que cumpre co que se lle pide para mellorar a saúde. San Bieito ou San Benitiño de Lérez segue, por iso, marcando unha cita inescusable cada 11 de xullo no Mosteiro de Lérez. Centos de fieis achegáronse durante esta xornada ata esta parroquia de Pontevedra para participar dos actos relixiosos, con misas cada hora.
A central, a das 12.00, acolleu a numerosos devotos. Moitos deles tiveron que seguir a homilía desde fóra do templo, que se atopaba ateigado de persoas que se achegaron á figura para pasarlle panos e deixarlle billetes dentro das tradicionais ofrendas dos relixiosos.
Unha visitante nova pregunta: "E este San Benito milagreiro, para que é?". O seu acompañante indícalle que para as verrugas. Con todo, os máis fieis afirman que o santo non só resolve problemas cutáneos, senón calquera tema relacionado coa saúde. Por iso ofrécense exvotos do peito, das pernas ou de corpos enteiros. Os fieis tamén levan botellas de aceite que se cambia por outro aceite xa bendicido ao que se lle atribúen propiedades milagrosas.
No exterior do templo, mentres se celebraba a cerimonia, un importante número de persoas probaban o polbo, churrasco ou as rosquillas propias desta cita co San Bieito estival.
Ao mesmo tempo, desde as 11.30 da mañá, moitos romeus achegábanse ata o parque da contorna da praia fluvial do río Lérez. Alí, o Concello repartía un milleiro de mexillóns, como xa é tradición, nesta festividade. A cola de comensais estendíase ata debaixo da ponte ferroviaria.
Os Gaiteiros das Rias Baixas e Os Alegres amenizaban o evento mentres a Banda de Música de Pontevedra tamén ofrecía un concerto no atrio do Mosteiro de San Benito.