Case medio millón de euros investirá a Xunta na mellora enerxética do colexio Vilaverde
Por Redacción
A Xunta está a redactar o proxecto para a mellora enerxética do colexio de Vilaverde. Trátase dunha actuación na que se investirán 470.000 euros, segundo anuncio o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, nunha visita a este centro educativo de Pontevedra.
A mesma cantidade destinarase a unha actuación similar no colexio de Mosteiro (Meis).
Os traballos forman parte da programación prevista tamén para este ano noutros seis centros de toda Galicia, e que suporán un investimento global de preto de catro millóns de euros que serán cofinanciados con fondos europeos.
Educación agarda que os proxectos técnicos estean rematados nos próximos días, coa previsión de licitar as obras entre abril e maio e poder comezar os traballos este verán.
En ambos casos os traballos consistirán principalmente no illamento da fachada, a substitución das luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética con detectores de presenza nas zonas comúns, a substitución de falsos teitos por placas coas características acústicas axeitadas e a reparación e pintado de paramentos interiores e zonas exteriores sen ladrillo cara vista.
Non obstante, será o proxecto técnico definitivo o que determinará outras actuacións complementarias en cada un dos centros.
En calquera caso, boa parte delas consistirán na substitución de carpinterías metálicas -especialmente as máis antigas- e en arranxos das luminarias dos centros, que nalgúns casos non obteñen os parámetros axeitados de aforro enerxético.