Educación destina 442.000 euros para a rehabilitación integral do colexio Vilaverde
Por Redacción
Antes de que remate este ano, o colexio Vilaverde de Mourente verá mellorada a súa eficiencia enerxética. O Diario Oficial de Galicia publica este venres a licitación das obras de rehabilitación integral do centro, para as que a Consellería de Educación destina 442.000 euros, cofinanciados con fondos FEDER.
Os traballos, que teñen un prazo de execución de dous meses e medio, consistirán principalmente no illamento da fachada, a substitución das carpinterías actuais do edificio en mal estado por outras de aluminio con rotura de ponte térmica ou a substitución dos vidros das carpinterías por outros dobres climalit e cámara de aire e illamento acústico.
Ademais, acometerase a colocación de novas persianas de aluminio con illamento térmico e caixas compactas, a substitución das luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética con detectores de presenza nas zonas comúns e a mellora da instalación de calefacción que inclúe o cambio de caldeira a biomasa.
Así mesmo procederase á substitución de falsos teitos por placas coas características acústicas axeitadas e á reparación e pintado de paramentos interiores e zonas exteriores sen ladrillo cara vista e substituiranse as divisións interiores de paneis de madeira por tabiques autoportantes que permitirán un mellorado confort térmico.
Esta actuación enmárcase dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puxo en marcha o ano pasado en toda Galicia e que continúa no presente exercicio, con actuacións en oito centros escolares a razón de dous por provincia, e que suporán un investimento de preto de catro millóns de euros.
Relacionadas:
-
Malestar entre pais do colexio Vilaverde polos "vaivéns" na calefacción, que xa funciona
Por Natalia Puga |
-
Os xogos populares 'invaden' o recreo do colexio Vilaverde
Por Alejandro Espiño |
-
Preocupación pola retirada de amianto do colexio de Vilaverde coincidindo coas clases
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
160.000 euros para a posta a punto dos colexios de Pontevedra
Por Redacción |
-
Case medio millón de euros investirá a Xunta na mellora enerxética do colexio Vilaverde
Por Redacción |