
CC BY-NC-SA Concello de Pontevedra
O PP terxiversa o custo dunha cea en Nova York para atacar a Lores

Por Redacción
A viaxe do alcalde a Nova York para recoller un premio ao modelo urbano de Pontevedra volveu de novo á actualidade. E todo despois de que o Partido Popular divulgara o custo dunha cea que a delegación pontevedresa ofreceu na Gran Mazá e cuxo custo -certamente cuestionable- superou os 3.200 dólares, uns 2.916 euros ao cambio.
Pero na súa lexítima denuncia, os populares malinterpretan os datos incluídos na factura e terxiversan os detalles desta cea á que Miguel Anxo Fernández Lores convidou a empresarios e personalidades de orixe pontevedresa que residen actualmente en Nova York.
Así, o PP asegura que Lores cargou ao erario público "máis de 3.000 euros" por unha cea para 19 persoas, a razón de 160 euros o prato, cando en realidade, e así figura na factura, no devandito evento gastáronse 3.276,76 dólares (2.916 euros) e nel participaron 27 comensais.
Ademais, para facer as contas usan un cambio entre euro e dólar que non se corresponde co que había en maio de 2015, moito máis beneficioso para os turistas europeos. Facendo os cálculos de forma adecuada poderíase deducir que a cea custou 108 euros por persoa -e non 160 como denuncia o PP.
A factura recolle tamén unha propina de 506,50 dólares (452 euros), polo que o alcalde de Pontevedra abonou unha propina do 20% sobre o custo da cea -antes de impostos- (2.532 dólares), seguindo o estándar marcado pola sociedade estadounidense. Non, como sinalan os populares, o que Lores "considerou oportuno".
En Estados Unidos, as propinas en bares e restaurantes son case obrigatorias. En moitos casos -este é un deles- inclúense directamente na factura para que o cliente non trate de evitar o seu pago. Estipúlase que o correcto é deixar entre un 15% e un 25% de propina e así se fixo no caso da cea organizada polo alcalde pontevedrés.
Por tanto, se se resta a propina, a cea custou realmente 2.463 euros. O prato de cada comensal ascendeu a 91 euros -lonxe dos 160 dos que falaba o PP-.
Desta cea foron testemuñas os xornalistas de Pontevedra, desprazados polos seus respectivos medios para cubrir a entrega do premio a Pontevedra, -entre eles un de PontevedraViva, que se fixeron eco no seu día do devandito evento.
As incorreccións da denuncia do PP continúan ao asegurar que o restaurante en cuestión, un establecemento de comida grega chamado Molyvos, é un restaurante de luxo. De feito, ten menús do día e unha oferta buffet alcanzable a todo tipo de petos, como se pode comprobar na súa páxina web.
A súa boa situación, na Sétima Avenida, débese a que ocupa o baixo do hotel Wellington, onde precisamente estaba hospedada a delegación Pontevedra que viaxou a Nova York a recoller o premio concedido pola fundación do ex alcalde Michael Bloomberg.
A pesar de todo iso, os populares manteñen a súa denuncia e reclaman que ante as viaxes anunciadas polo BNG para o primeiro trimestre deste ano, se publiquen na páxina web tanto a axenda institucional como o custo detallado de todas estas viaxes.
A formación que encabeza Jacobo Moreira asegura que así se evitarían "sorpresas" ao atoparse con facturas que "rozan o esperpento" como a referida a esta cea, na que os cartos para pagala "saíron das arcas municipais e non do peto do alcalde".
Ademais, o PP insiste en saber tamén o rédito que teñen estas "luxosas ceas" para os veciños de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Moreira esixe a Lores "disculpas públicas" polo "indecente" custo da cea en Nova York
Por Alejandro Espiño |
-
As viaxes do goberno de Lores acenden os ánimos no pleno municipal
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pide que se inclúan na web do Concello datos sobre as viaxes institucionais
Por Redacción |
-
Lores brinda con pontevedreses residentes en Nova York polo novo premio internacional á cidade
Por Alejandro Espiño |