As viaxes do goberno de Lores acenden os ánimos no pleno municipal

Por Alejandro Espiño
Non foi un inicio cordial o que se viviu este luns no pleno da corporación municipal de Pontevedra. As viaxes do goberno municipal, centradas principalmente no alcalde, provocaron un agre enfrontamento, especialmente entre o Partido Popular e o BNG, que chegou mesmo ao insulto. Tanto que ese episodio coleou durante toda a sesión que, como é habitual, se celebrou no Teatro Principal.
Todo partiu dunha moción presentada polos populares. Nela, o portavoz do PP, Jacobo Moreira, solicitaba que se publicase na web do Concello o custo detallado de cada viaxe e a axenda institucional protagonizada polo equipo de goberno e que, ou ben o alcalde ou ben un dos seus concelleiros, comparecese unha vez ao ano ante o pleno ou a correspondente comisión para dar conta deles.
Nunha primeira intervención, todos os grupos -incluído o BNG que sinalou que "nada temos que ocultar" en relación aos gastos que xeran estas viaxes do goberno- mostraron o seu apoio a esta iniciativa, aínda que con matices.
Mentres que a edil de Cidadáns, María Rey, afirmou que non cuestiona ditos viaxes pero si instou a que "se conozcan los gastos", o portavoz socialista cualificou esta moción de "poco ambiciosa" ao entender que esa transparencia na xestión debe ir máis aló destas viaxes e así o recollerán nunha nova moción. Aínda así, Agustín Fernández asegurou non dubidar da austeridade do goberno municipal porque "non teño ao alcalde como alguén que sexa despilfarrador".
O debate incendiouse, en todo caso, na réplica. Jacobo Moreira lembrou recentes viaxes de Fernández Lores nos que os populares reclamaron as facturas ou os contactos realizados e desde o Concello non llos facilitaron. Como contrapunto, o portavoz do PP relatou a axenda de Alberto Núñez Feijóo na súa recente visita a Cuba e instou o alcalde a aproveitar estas viaxes para lograr réditos económicos para a cidade.
"Queremos que a xente veña facer turismo a Pontevedra non que o alcalde vaia facer turismo polo mundo", destacou o edil do PP, que dubidou da eficacia destas viaxes como o protagonizado por Fernández Lores a Bélxica, no que Moreira preguntouse "que fixo durante todo o día" ao incluír tan só na súa axenda a súa participación nunha conferencia, chegando a sinalar que "iría de cañas" tras baixar do avión.
Esta insinuación enfadou notablemente a Lores, que co micrófono apagado ironizou con que fora "a rascala" nesta última viaxe. "Dá un pouco de noxo escoitalo", díxolle o alcalde ao portavoz do PP, engadindo que "non me avergonzo" de ningún das viaxes que fixo ao longo de todos estes anos. "E haberá moitos máis", avanzou. O rexedor concluíu a súa intervención afirmando que "vostede é o único que me avergonza todos os días de Dios".
Antes de votar, un sonoro "mamarrachos" saíu da boca de César Mosquera, dirixido aos concelleiros do PP. Dito cualificativo non foi retirado a pesar de solicitalo os populares en varias ocasións. O edil do BNG replicó que este estilo" bronco" é o que empregan os populares desde o inicio deste mandato, especialmente na Deputación onde "instigan" as pintadas contra el e a aparición de coroas mortuorias co seu nome.
"Non me van a arrugar. As agresións van ter resposta", engadiu Mosquera.
Ademais das chamadas ao "respecto" para todos os membros da corporación por parte de María Rey e Luís Rei, o socialista Agustín Fernández asegurou que "non estou nada orgulloso" da actitude de Lores, Moreira e Mosquera e pediu que o pleno non se converta nun "programa de telebasura" agora que empezarán a retransmitirse por streaming.
Relacionadas:
-
O PP terxiversa o custo dunha cea en Nova York para atacar a Lores
Por Redacción |
-
Rescatará Pontevedra os servizos de auga e recollida de lixo?
Por Alejandro Espiño |
-
Cinco horas... en pleno
Por Alejandro Espiño |
-
A corporación apoiará o nomeamento de Sabino Torres como fillo predilecto de Pontevedra
Por Anxo Lourido & Diego Torrado & Mónica Patxot |
-
Pontevedra, unha "utopía realizada" para unha universidade belga
Por Redacción |
-
Badajoz, Louvain, Burgos, Granada e Narón, novas citas do modelo de cidade
Por Redacción |