O PP pide que se inclúan na web do Concello datos sobre as viaxes institucionais do goberno local
Por Redacción
O grupo municipal do PP presentará unha moción para o seu debate no próximo Pleno de Pontevedra para solicitar que a páxina web do Concello publique o custo detallado e a axenda institucional das viaxes oficiais realizadas polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e todos os membros do goberno local a algún punto de fóra de Galicia para mellorar a transparencia e o coñecemento por parte de todos os cidadáns das actuacións realizadas polos seus representantes institucionais e os gastos realizados con cargo a fondos municipais.
O portavoz municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, explicou que na moción tamén pedirán que o alcalde compareza "al menos una vez al año" no Pleno para informar sobre esas viaxes e explicar os seus obxectivos e resultados. Centran a súa petición nos desprazamentos a puntos de fóra de Galicia porque "no tiene sentido informar de los viajes dentro de Galicia", pero cren que si é necesario establecer a obrigación de que dean a coñecer eses datos porque "los vecinos tienen que tener acceso a esa información".
A proposta do PP é que esa información se incorpore no partado de transparencia da web municipal, pois consideran que é unha materia pendente nos avances do Concello de Pontevedra en materia de transparencia. Na súa opinión, "ha costado, pero se está avanzando" nesta materia, pero aínda non o suficiente e en relación co custo das viaxes institucionais aínda existe moi pouca información pública tanto sobre o que custa como dos resultados, beneficios e obxectivos deses desprazamentos.
Moreira asegura que o seu partido está a favor das viaxes institucionais, pois "siempre hemos dicho que es bueno que Lores viaje, que vea mundo", pero considera que o goberno local "tiene que ser transparente" respecto diso sobre a axenda das viaxes, custo e o seu posible retorno para Pontevedra.
Na súa comparecencia, o portavoz popular sinalou que un dos obxectivos da súa moción é "que el alcalde no vuelva a tener la tentación de mentirnos sobre el coste de los viajes", en alusión a que no pasado desde o goberno local indicouse que a viaxe realizada polo alcalde a Torrevieja (Alacante) en setembro de 2014 para asistir ao segundo Encontro de Cidades pola Seguridade Viaria non custara nada e finalmente demostrouse que si houbo facturas con cargo a fondos municipais por ese desprazamento.
Relacionadas:
-
O PP terxiversa o custo dunha cea en Nova York para atacar a Lores
Por Redacción |
-
O PP reclama saber cales son as viaxes "a custo cero para o erario público" que realizou o alcalde
Por Redacción |
-
O PP insiste en que as viaxes do alcalde "non son de balde" e desvela máis facturas
Por Redacción |
-
Que lle custa máis ás arcas municipais? Os preitos do PP ou as viaxes do alcalde?
Por Alejandro Espiño |