O PP insiste en que as viaxes do alcalde "non son de balde" e desvela máis facturas
Por Redacción
O Partido Popular segue a cuestionar as viaxes do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para participar en eventos relacionados co modelo urbano da cidade. Aseguran que hai "probas existentes" de que estas viaxes teñen custos para as arcas municipais, a pesar de que desde o goberno municipal "insisten en que son de balde", sinalan os populares.
O grupo liderado por Jacobo Moreira reitera que "existen facturas que contradín as mentiras de Lores" e facilitan copias de facturas das viaxes realizadas en maio do pasado ano a Bruxelas, Roma e Florencia, onde o Concello tería asumido o custo de desprazamento, aloxamento e manutención de dúas persoas -unha delas, o alcalde- por valor de case 2.000 euros máis IVE.
Tamén remiten outra factura, emitida no mesmo mes, que determina o pagamento dun intérprete durante a conferencia levada a cabo en Florencia por un importe de 700 euros.
"Cal é a invitación de balde se é o propio Concello de Pontevedra o que ten que asumir os gastos das viaxes?", sinalan desde o Partido Popular
"Non temos nada que ocultar", aseguran desde o Concello, que recordan que todas as facturas están a disposición da oposición
Os populares reiteran, igual que sinalaron no Pleno, que aproban esas viaxes pero que "deben realizarse dentro dun código ético, sendo transparentes e ofrecendo detalles sobre a axenda institucional, os contactos realizados, o custo que supón para o erario público e o seu posible retorno". Trátase dunha conduta, din, que aplicarán se acceden á Alcaldía despois das próximas eleccións municipais.
O CONCELLO NEGA OCULTISMO ALGÿN
Desde o Concello de Pontevedra, ante esta nova denuncia do Partido Popular, reiteran que todas as facturas relacionadas cos desprazamentos do alcalde, de membros do goberno ou técnicos municipais para calquera tipo de viaxe, estean ou non relacionadas co modelo de cidade, son "públicas" e están a disposición da oposición. "Non temos nada que ocultar", aseguran. Insisten ademais en que estas viaxes axudan á promoción exterior da cidade.
Relacionadas:
-
O PP pide que se inclúan na web do Concello datos sobre as viaxes institucionais
Por Redacción |
-
O PP reclama saber cales son as viaxes "a custo cero para o erario público" que realizou o alcalde
Por Redacción |
-
Que lle custa máis ás arcas municipais? Os preitos do PP ou as viaxes do alcalde?
Por Alejandro Espiño |