Moreira esixe a Lores "disculpas públicas" polo "indecente" custo da cea en Nova York
Por Alejandro Espiño
Tras divulgar que o alcalde gastou case 3.000 euros nunha cea en Nova York, o portavoz do Partido Popular, Jacobo Moreira, esixiu a Miguel Anxo Fernández Lores que pida "disculpas públicas" a todos os pontevedreses, ao entender que unha factura deste tipo "sonroja a cualquiera".
Para Moreira, organizar un evento deste tipo e pagalo con fondos públicos é unha "indecencia" por parte de Fernández Lores, ao que acusan de "insultar" aos cidadáns de Pontevedra e de "reirse" deles ao gastar ese diñeiro para satisfacer un "capricho".
"Si el señor Lores tiene caprichos que se los pague de su bolsillo", sinalou o portavoz popular antes do inicio do pleno deste venres, que suxeriu ao alcalde que sexa "igual de generoso" con entidades como o comedor de San Francisco, ao que o Concello destina "mil euros al mes", tres veces menos que a cea organizada en Nova York.
Jacobo Moreira explicou que se o alcalde está "tan seguro" de que actuou de forma "correcta", debería informar do custo desta cea ao volver da Gran Mazá. Ademais, reiterou que os pontevedreses "no se merecen" ter un alcalde que trata "con tanto desprecio" os fondos públicos.
En todo caso, os populares non pedirán a dimisión de Lores por ese asunto pero si insisten en esixir "transparencia" nos gastos de todas as viaxes que realicen tanto o alcalde como os membros do goberno municipal e en coñecer en rendemento que teñen estas viaxes para a cidade de Pontevedra.
Moreira reclama que o alcalde, cada vez que viaxe fóra de Pontevedra en representación do Concello, os prepare "de forma ejecutiva" e organice unha axenda de traballo "seria" para lograr o "máximo retorno" posible para a cidade.
PARA LORES, ESTA DENUNCIA É UNHA "PALETADA"
Preguntado respecto desta denuncia do PP, Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que a conduta dos populares é unha "paletada" e recomendoulles que viaxen "un pouco máis" e recoñezan os "éxitos" que está a alcanzar a cidade de Pontevedra.
Neste sentido, o alcalde agradeceu ironicamente que coa divulgación desta factura o PP "poña de novo en axenda" os premios que nos últimos anos recibiu Pontevedra polo seu modelo urbano e que, lembrou, "poucas cidades europeas teñen".
Con respecto ao custo da cea, Fernández Lores explicou que Nova York é un destino "indiscutiblemente caro" e defendeu ter reunido a pontevedreses que viven na cidade estadounidense para "celebrar" a concesión do premio, sobre todo cando moitos deles pagaron 150 dólares por asistir á gala na que se entregou o galardón.