Cerdedo-Cotobade prepara o seu orzamento cun aforro do 32% en cargos políticos
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade está na fase final da elaboración do seu primeiro orzamento municipal, que contará cun importante aforro en soldos e asistencias a órganos dos cargos políticos, xa que o importe desta partida reducirase nun 32% e só haberá unha adicación exclusiva, unha circunstancia que xa se produce dende o pasado mes de novembro e que se verá confirmada na previsión de contas para o ano 2017.
Segundo as estimacións iniciais, e a falla de axustar as cifras con total exactitude, o Concello vai destinar no presente exercicio 72.880 euros ao único salario municipal e ás asistencias dos 19 membros restantes da xunta xestora aos distintos órganos: plenos da corporación, xuntas de goberno local e comisións informativas.
Ata o momento, esta partida sitúabase lixeiramente por riba dos 105.000 euros anuais e había dúas adicacións exclusivas para os dous rexedores, aínda que se reducíu a unha soa o pasado novembro.
No orzamento municipal para 2017 os gastos na área de cargos políticos suporán o 1,45% do total das contas, que roldarán os 5 millóns de euros e que primarán, tal e como se anunciou hai algunhas semanas, as partidas destinadas a Servizos Sociais, Emprego, Investimentos e reforzo e mellora de todos servizos públicos municipais. Con anterioridade á fusión municipal, as cifras de Cotobade e Cerdedo arroxaban que os pagos a cargos políticos superaban o 3% do orzamento.
Dende o goberno local salientan que este aforro en cargos políticos só supón "o primeiro chanzo" na diminución desta partida, xa que está previsto que os gastos aínda sexan menores tras as eleccións municipais de 2019, xa que a corporación municipal estará conformada por 13 membros fronte aos 20 da actual xestora, polo que minguarán alomenos nun 36% as cantidades adicadas ás asistencias a plenos e comisións informativas. Neste apartado poderían aforrarse ata 8.000 euros anuais máis para deixar o gasto en cargos políticos por debaixo dos 65.000 euros.
Ao respecto, Cubela destacou que o goberno "está a cumprir o que prometeu cando apostou pola fusión, xa que estase producindo un aforro moi importante en partidas coma esta que permiten destinar máis recursos aos cidadáns".
Neste senso, quixo recalcar que, malia as "inxustificadas críticas" da oposición no pleno de Organización, "só hai un soldo municipal, o que demostra que dicimos a verdade e que o único que nos guía é darlle unha oportunidade de futuro a esta terra, adicando todos os recursos que poidamos a mellorar a calidade de vida dos veciños".
Relacionadas:
-
Os investimentos propios de Cerdedo-Cotobade ascenderán en 2017 a case un millón de euros
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade aforrará 100.000 euros en telefonía, seguros e asistencias técnicas
Por Alejandro Espiño |
-
Cubela critica a "esquizofrenia" socialista en Cerdedo-Cotobade tras a fusión
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas de Cotobade e Cerdedo critican o "presunto aforro" do alcalde Cubela
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade quere apostar polos servizos sociais e o emprego no seu primeiro orzamento
Por Redacción |
-
Cerdedo salda o seu único préstamo, de 168.000 euros, cos seus fondos antes de unificar contas con Cotobade
Por Redacción |
-
O primeiro orzamento de Cerdedo-Cotobade vai situarse arredor dos 5 millóns de euros
Por Redacción |