Os socialistas de Cotobade e Cerdedo critican o "presunto aforro" do alcalde Cubela
Por Redacción
Os voceiros municipais do PSdeG-PSOE de Cotobade e Cerdedo, Lina Garrido e Xoel López, criticaron que o alcalde Jorge Cubela está a "enganar " os seus veciños ao "falsear a realidade" sobre o "presunto aforro" que vai supor o contar cunha soa dedicación exclusiva no concello.
Os dous voceiros municipais do concello fusionado din que a redución de custes débese a que o antigo alcalde de Cerdedo, José Balseiros, "non pode cobrar como alcalde ao ser elixido como deputado autonómico e estar percibindo o seu salario do Parlamento de Galicia", subliña Xoel Vázquez.
Ademáis os voceiros socialistas critican que Jorge Cubela non informe de que cos novos orzamentos do concello fusionado subiron o cobro por plenos e por asistencia ás comisións informativas.
A asistencia aos plenos pasou de 60 a 80 euros e as presidencias das comisións de cen a 180 euros. "O señor Balseiros cobrou o martes pasado 360 euros por asistencia a dúas comisións que apenas duraron dez minutos. Iso é o que non conta Jorge Cubela aos seus veciños e veciñas", dixo Lina Garrido.
"O señor Balseiros, que leva meses coa palabra aforro na boca, que non quixo aprobar as propostas da oposición de encargar informes imparciais sobre a viabilidade da fusión nin unha auditoría das contas segundo él para aforrar, non conta que este pasado martes cobrou 360 euros por presidir dúas comisións de dez minutos. Ese é o aforro do que fai gala o señor Balseiros, recortar en garantías e ser espléndido nas dietas", conclúen os voceiros socialistas.