Lores culpa do preconcurso de Pescanova á fusión das Caixas galegas
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, manifestou o seu malestar ante a presentación do preconcurso de acredores por parte de Pescanova. E como principal culpable desta situación, Lores encontra á fusión das caixas galegas: "Eu creo que hai que falar desta situación de crise, de desaparición e absorción de caixas de aforro, en concreto de Caixanova que tiña participación importante dentro desta empresa e que lle interesaba a creación de emprego e de actividade económica. En casos de falta de liquidez financiaba esta empresa sen demasiado problema".
Lores apuntou tamén cara o PSOE e o PP como responsables desta situación: "Ese roubo da xestión do aforro galego que se produciu dende a creación do FROP por parte do Partido Socialista e do Partido Popular, que os dous decidiron atender as demandas da banca privada para absorver unha parte importante do aforro galego que lle estaba a facer, entre comillas, competencia desleal. Conseguírono. Desapareceron Caixanova e Caixagalicia como instrumentos imprescindibles do desenvolvemento económico".
Neste sentido, o alcalde pontevedrés insiste en que as empresas galegas sen o referente que existía das Caixas se enfrontan a situacións difíciles para manter o tecido económico: "Desaparece a participación destas empresas e non é xa que non teñamos a capacidade de xestión sobre o aforro galego dende Galicia senón que o aforro galego en parte se nos roubou coas preferentes e subordinadas e, inda por encima, agora empresas que dependían da actividade económica primaria e do aforro galego teñen agora un problema e poden desaparecer. Isto é un problema de mercado de facer máis ricos aos de sempre e máis pobres a todo o mundo".
Lores concluíu advirtindo da necesidade dun cambio porque a situación actual está alevar a Galicia á pobreza, ao paro e á perda do tecido empresarial galego.