Gran expectación mediática ante o xuízo polo despedimento do presidente de Pescanova
Por Oskar Viéitez
No medio dunha grande expectación mediática, o Xulgado do Mercantil número un de Pontevedra celebrou este luns a vista do incidente concursal que se segue tras a demanda do expresidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, presentada por despedimento improcedente contra a compañía galega e contra Deloitte, a súa administración concursal, pola que reclama 663.199,20 euros.
Fernández de Sousa non acudiu á cita ao considerala "un mero trámite" á espera de coñecer se as instancias xudiciais determinan que este proceso se encamiñe pola vía laboral ou mercantil.
A representante xurídica do ex presidente de Pescanova sostén que Fernández de Sousa foi traballador da firma galega dende 1977 e ata que presentou a súa dimisión como presidente da compañía o pasado 17 de xullo polo que pediu unha indemnización de vinte días por ano que traballou. En concreto, a letrada explicou que De Sousa "no tenía un contrato blindado" nin sequera "un contrato por escrito" que acreditase a súa relación laboral coa empresa.
Segundo a avogada, De Sousa iniciou "desde la base" a súa relación laboral coa compañía pesqueira o 17 de xaneiro de 1977, aínda que en apenas cinco meses foi nomeado Director xerente adxunto, "existía por lo tanto una relación de alta dirección compatible con la relación mercantil y ha de ser indemnizado", insistió la letrada, "De Sousa levantó una empresa pequeña con su esfuerzo", dixo.
Non obstante tanto o administrador concursal, Santiago Hurtado, como a avogada de Pescanova S.A., Silvia Bauza Hernández, argumentaron a inexistencia dun contrato laboral polo que solicitaron a desestimación total e absoluta, "y no haremos más valoraciones de las debidas sobre ese esfuerzo y dedicación", engadiron.
"No hay base para el despido porque no hay relación laboral", dixo Silvia Bauza, que, entre outras probas, entregou a carta de dimisión escrita por De Sousa "en la que él mismo así lo admite".
A súa última nómina era de 55.266 euros ao mes
Durante a vista desvelaron que Fernández de Sousa reclama unha indemnización de 663.199,20 euros, equivalente a doce mensualidades, tendo en conta que a súa última nómina era de 55.266 euros ao mes, que é a cantidade que se utilizou como base de cálculo.
Ademais da desestimación íntegra, os demandados piden ao xuíz do Mercantil que inclúa unha declaración de temeridade contra Fernández de Sousa e o pagamento das costas.
Fernández de Sousa, conta cun 7,51 por cento do capital de Pescanova, que está en concurso de acredores e que conta cunha débeda de máis de 3.674 millóns de euros e un burato patrimonial de 1.667 millóns de euros, segundo o informe realizado por Deloitte.
Manuel Fernández de Sousa está imputado por falseamento de información económico-financeira, das contas e por uso de información relevante.
Relacionadas:
-
O xornalista Valentín Carrera presenta o libro "Pescanova, crimen perfecto"
Por Redacción |
-
A Cámara de Comercio crea a Agrupación de Afectados por Pescanova
Por Redacción |
-
Lores culpa do preconcurso de Pescanova á fusión das Caixas galegas
Por Redacción |
-
Pescanova presenta preconcurso de acredores en Pontevedra
Por Redacción |