Antes da crise, ata 2008 ou 2009, o perfil de solicitante das axudas do Banco de Alimentos, era o persoas ou familias inmigrantes, en situacións de exclusión ó de risco. Nos últimos anos, ese perfil cambiou e trátase de familias perfectamente estruturas, pero que ao perder os seus empregos deixaron de ser autosuficientes.
"Os que antes eran doantes, agora están entre os receptores". Así de crúa e así de certa é a realidade actual en palabras de Fernando González González, Gonzo, xornalista vigués que coñecemos na pequena pantalla a través de Caiga Quien Caiga, El Método Gonzo e actualmente en El Intermedio de laSexta.
Aproveitando a súa estancia o pasado venres 25 de novembro en Pontevedra, como embaixador do Banco de Alimentos na súa Gran Recollida 2016, puxémoslle diante o micrófono de PontevedraViva Radio para este Cara a Cara. Charlamos de espírito solidario, de xornalismo, de política e de políticos.
Durante a súa traxectoria profesional tivo que lidar coa clase política, e está bregado no xornalismo social: "teño a sorte de traballar no Intermedio, que che permite un pilar básico do xornalismo: dar voz a quen non a ten. Ás veces é máis efectivo darlle voz a quen ten algo que dicir, que facerlle chegar a mensaxe a quen ten que escoitalo e logo non fai nada". A súa conclusión é que "cando a sociedade é a que ten que falar, os políticos están máis atentos".