A Fundación Valle Inclán entrega os premios do seu primeiro concurso de relato curto
Por Redacción
Paula Pena Alfonso, alumna do IES Faro das Lúas de Vilanova de Arousa, é a gañadora do I Concurso de Relato Breve Fundación Valle-Inclán, galardón que lle foi concedido pola obra 'Aquela carta'. O segundo premio foi para o relato ‘En que pensas, Helena?’, da autoría de Fatima Ezzahra Ibrahimi Barnossi, estudante do IES Luís Seoane de Pontevedra, mentres que a concesión do terceiro premio recaeu, ex aequo, nas obras ‘Un futuro semi-prometedor’, de Rubén Oubiña Mosteiro, e ‘Podo dicir que a miña vida é bonita, de Marta Domínguez Pérez, ambos alumnos do IES Faro das Lúas.
Os catro estudantes recibiron esta mércores os galardóns de mans da Fundación Valle-Inclán, do Concello de Vilanova de Arousa e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que se referiu ás obras presentadas ao concurso como "a mellor homenaxe" para festexar a figura dun dos principais escritores do século XX.
Promovido pola Fundación Valle-Inclán co apoio da Xunta de Galicia, o certame está dirixido a estudantes de ensino secundario obrigatorio dos concellos valleinclanianos, co fin de fomentar entre o alumnado a creatividade literaria e tamén de difundir a figura do creador do esperpento.
O concurso nace ao abeiro da programación conmemorativa do 150º aniversario do nacemento de Valle-Inclán, con propostas audiovisuais, lecturas públicas, recursos para as casas-museo do escritor en Galicia, exposicións, diversas publicacións conmemorativas e mais novas ferramentas en liña para favorecer o estudo do legado literario do dramaturgo.
Relacionadas:
-
Medio século portando a Valle Inclán como símbolo do instituto
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Museo de Pontevedra acollerá gran parte do legado de Valle-Inclán
Por Alejandro Espiño |
-
A proposta escénica ‘A maleta do mestre’ levará por Pontevedra e o Salnés a figura de Valle Inclán
Por Oskar Viéitez |