A proposta escénica ‘A maleta do mestre’ levará por Pontevedra e o Salnés a figura de Valle Inclán
Por Oskar Viéitez
As principais entidades vinculadas co escritor Ramón María del Valle-Inclán promoven unha completa programación colectiva para celebrar o 150 aniversario do nacemento do dramaturgo, novelista, poeta e ensaísta.
Haberá un amplo abano de iniciativas literarias, representacións escénicas, ciclos de cine, exposicións, actuacións multiartísticas, charlas e obradoiros, entre outros, que se desenvolverán en Galicia ao longo deste ano e mais do que vén.
A Escola de Teatro Valle-Innova será a encargada de levar a figura e a obra de Valle-Inclán polas catro provincias galegas coa iniciativa ‘A maleta do mestre’, un proxecto escénico conformado por catro montaxes teatrais que teñen como eixo central o Valle-Inclán viaxeiro.
A proposta escénica ‘A maleta do mestre’ inclúe a performance ‘A viaxe marabillosa. Valle estético’, o espectáculo de teatro de rúa ‘Estacións valleinclanianas’, a obra teatral de corte clásico ‘Que os leve o vento’ e a visita guiada dramatizada ‘A ruta das verbas. O Salnés de Valle-Inclán’.
Paradas de tren, portos e praias son algúns dos escenarios previstos para estes espectáculos, que chegarán desde o vindeiro 29 de abril aos concellos de Vilanova de Arousa, de Cambados e de Pontevedra, entre outros.
O presidente da Fundación Valle-Inclán, José Juan Durán e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentaron este venres o programa da fundación, nunha rolda de prensa que tamén contou coa participación da secretaria territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Ana Ortiz.
UN CERTAME LITERARIO
A programación complétase con edicións conmemorativas e iniciativas no ámbito educativo. Deste xeito, sairá do prelo un novo número da colección da revista ‘Bradomín’, que lles dará voz a xoves estudosos da obra do escritor, así como a profesores e profesoras de ensino secundario coa publicación de diversos traballos de investigación e divulgación sobre diferentes aspectos da figura e da creación literaria do autor.
Tamén verá a luz a publicación dunha obra na que Javier Serrano Alonso, profesor da Universidade de Compostela membro do Grupo de Investigación Valle-Inclán reúne a biografía do dramaturgo completada e actualizada.
Ademáis, co obxectivo de fomentar a creación literaria, porase en marcha o I Premio Fundación Valle-Inclán, dirixido ao alumnado de educación secundaria dos municipios valleinclanianos.
Xunto a Xunta de Galicia promoven estas actividades os concellos da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa, a Asociación Amigos de Valle-Inclán, a fundación que leva o seu nome, a Universidade de Santiago a través da Cátedra Valle-Inclán, o Consello da Cultura Galega, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e a Deputación de Pontevedra.