O 150 aniversario do nacemento de Valle Inclán tamén se celebrará en Pontevedra
En 2016, celebrarase o 150 aniversario de Ramón María del Vallle Inclán, dramaturgo, poeta e novelista de referencia na literatura galega. Con ese motivo, está a ultimarse unha ampla programación que divulgará a súa figura e a súa obra e que se desenvolverá fundamentalmente nas cinco localidades declaradas "valleinclanianas" pola súa vinculación con el: Vilanova de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Cambados, Santiago de Compostela e Pontevedra.
Precisamente na cidade do Lérez, este 28 de outubro -coincidindo co 149 aniversario- a Fundación Valle Inclán celebrou unha ofrenda floral na praza Méndez Núñez, o lugar do centro histórico no que está situada a escultura de César Lombera que lembra o vínculo do autor coa cidade de Pontevedra.
Foi un acto, segundo José Juan Durán, vicepresidente da fundación, que marca o "inicio da longa recta final" para a programación que se está deseñando para o próximo ano e na que, segundo avanzou, o Museo de Pontevedra terá un papel importante, dando que atesoura "fondos moi importantes" relacionados con Valle Inclán.
O Concello de Pontevedra, que estivo representado polos edís Anxos Riveiro e Luís Bará (BNG), María Rey (Ciudadanos) e María José Rodríguez Teso, César Abal, Rafael Domínguez, Tomás Abeigón e José Luis Martín (Partido Popular), anunciou a través da responsable de Cultura que colaborarán "con todos aqueles actos e cuestión que se queiran facer na cidade en relación a Valle Inclán", avanzando na divulgación da súa vinculación con Pontevedra.
Nesta ofrenda floral estivo presente tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que destacou que, para ese 150 aniversario, a Xunta de Galicia e a Fundación Valle Inclán, xa empezaron a ver que necesidades teñen as asociacións e os concellos que participarán nesta programación. "Queremos que sexa inclusiva e o máis ampla posible para que haxa unha celebración e unha difusión da figura de Valle como se merece", afirmou.
Neste sentido, destacou que xa haxa certas "precuelas" deste ano valleinclaniano con diferentes actividades que se están organizando por toda Galicia este mes de outubro, como a recente presentación da "biografía definitiva" do dramaturgo, escrita polo seu propio neto, ou a exposición do Museo da Cultura Galega que se inaugurou este mércores en Vilanova de Arousa, municipio natal de Valle Inclán.
Esta homenaxe celebrada en Pontevedra concluíu coa interpretación, por parte da Escola de Teatro Valle Inclán, dun fragmento dunha das súas obras, A marquesa Rosalinda.