O Museo de Pontevedra acollerá gran parte do legado de Valle-Inclán
Por Alejandro Espiño
Gran parte do legado do autor pontevedrés Ramón María del Valle-Inclán, un dos principais escritores da literatura do século XX, será depositado polos seus herdeiros no Museo de Pontevedra.
Así o desvelou o neto do escritor, Javier del Valle-Inclán, na presentación de Con el alba. El Cuaderno de Francia, un manuscrito inédito que revela a intensa experiencia do autor galego na súa viaxe de dous meses ao país francés en plena primeira Guerra Mundial.
Este caderno será cedido á biblioteca da Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago, onde se custodia materiais autógrafos orixinais e documentos descoñecidos que integran o excepcional legado do escritor.
A esta biblioteca, a familia de Valle-Inclán tamén cederá o arquivo do escritor, as fotografías, os carteis e o resto do legado literario.
Pero máis aló de todo este material, Valle-Inclán atesouraba mobles, cadros, retratos, roupas, esculturas, gravados e outros obxectos persoais. Todo iso será cedido ao Museo de Pontevedra, unha institución cuxo traballo encomiou o neto do escritor pontevedrés.
Javier del Valle-Inclán asegurou que a familia se negou a que todo este material acabase na Cidade da Cultura, situada no Gaiás, porque "non soterraremos a Valle-Inclán nun monte próximo a Santiago", dixo, á vez que se mostrou crítico coa celebración do 150 aniversario do nacemento do seu avó porque os actos están a pasar "con máis pena que gloria".
Relacionadas:
-
O legado de José Luis Souto Alonso amplía o arquivo bibliográfico do Museo de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Fundación Valle Inclán entrega os premios do seu primeiro concurso de relato curto
Por Redacción |
-
O 150 aniversario do nacemento de Valle Inclán tamén se celebrará en Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |