Para os participantes nestas Conversas na Ferrería a orixe e a persistencia da violencia de xénero é clara: a continuidade do patriarcado. Son múltiples as frontes polos que ir atallando este gravísimo problema social.
Unha deles é a concienciación sobre a realidade do mesmo; Ismael Calvo, director creativo de Ovo Publicidade -a empresa da que están a saír as campañas do Concello de Pontevedra contra a violencia machista-, apunta: "creo que existe a conciencia errónea de considerar estas mortes como algo privado, íntimo. E o problema é que a sociedade entende que maten as mulleres. Isto non é un problema de dous nin dunha familia, é un problema de todos".
A educación é outro eixo fundamental. Rubén Torres, doutor en Educación, psicopedagogo, profesor e autor dunha tese sobre "A construción da masculinidade na adolescencia" explica que no ámbito educativo "se non se fai un traballo sistemático en educación o cambio é moi complicado. Debería estar incluído no currículo dos adolescentes a formación en xénero e non só desde o plano teórico; senón poñéndolles esas lentes de xénero para que baixen á area e identifiquen a situación".
A deriva dalgúns conceptos tamén prexudica as posibilidades de cambio. Vicky Estévez, presidenta doColectivo Feminista de Pontevedra, afirma que "ser feminista hoxe é un marronazo. Hai que aclarar que feminismo é un sinónimo de dereitos humanos. Quen non se declare feminista é que rexeita a igualdade; e non falo só de mulleres, senón de mulleres e homes que han de ser uns aliados importantísimos para cambiar a situación".
Carmen Cajide, presidenta de la Rede Provincial de Pontevedra pola Igualdade, engade que "o espellismo da igualdade fainos un dano terrible. Ese espellismo de que parece que xa somos todos iguais e non é certo. Hai que poñer sobre a mesa esas diferenzas, identificar as discriminacións e que as recoñeza a sociedade. Unha delas a discriminación salarial, por exemplo".
As iniciativas que se tomen han de ir acompañadas de orzamento. A xornalista de PontevedraViva, Natalia Puga, argumenta que "ademais de modificacións da lei e os seus posibles desenvolvementos, é necesario dotala de orzamento e de recursos; porque se a lei che garante unha serie de dereitos unha vez que te convertes en vítima, como pode ser a protección, e logo non hai medios reais para garantir esa protección, non avanzamos nada. E ademais estamos a ver que os recortes cada vez van a máis".