Apoia a sociedade ás vítimas de acoso ou culpabilízaas?
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Apoia a sociedade ás vítimas de acoso ou culpabilízaas? Como sociedade, podemos escoitar as verdades incómodas? Como son tratadas as mulleres nas redes na sociedade actual? Son preguntas ás que tratou de dar resposta a nova campaña que puxo en marcha o Concello de Pontevedra con motivo do 25 de novembro, Día internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. E o resultado resultou descorazonador.
A campaña animaba ás mulleres para compartir nas redes sociais Facebook e Twitter o seu primeiro recordo de acoso baixo o hashtag #PrimAcoso coa finalidade de facer visible o problema estrutural da violencia machista. Nun primeiro momento o Concello anunciou dous dos obxectivos da inciativa, gardando en segredo o terceiro ata este mércores.
Os dous primeiros obxectivos eran visibilizar a base da pirámide da violencia e trasladar que o acoso é un problema que afecta á práctica totalidade das mulleres e "non estamos soas". O terceiro era, precisamente, dar resposta a esas preguntas, isto é, comprobar cal é a resposta da sociedade, tanto mulleres como homes, ao "acto de valentía" de denunciar os casos dese primeiro acoso.
A concelleira de Igualdade de Pontevedra, Carmen Fouces, recollera este terceiro obxectivo nun documento gardado nun sobre pechado selado no rexistro municipal o 15 de novembro, día do inicio da campaña. Este mércores abriuno ante os medios de comunicación á vez que facía balance da iniciativa.
Non se divulgou previamente para evitar que "a reacción estivera mediatizada" e non influír no resultado, senón que fose "o máis espontánea posible" e "o máis fácil de medir" como respondía a sociedade, "se apoiaba ás vítimas, as criticaba, se eramos realmente capaces de asimilar con certa normalidade, se nos parecía a cousa grave ou se eran obxecto dun novo acoso". Moitas mulleres foron vítimas dun novo acoso con alusións que, en moitos casos, Fouces recoñece que poderían ser denunciables. O Concello non xudicializará a campaña, pero non descarta que o fagan as propias afectadas.
A resposta á campaña foi "masiva" e "contudente" e #PrimAcoso tivo en sete días máis de 5.000 reaccións entre publicacións en Twitter e Facebook, chegou a máis de 1,5 millóns de contas e lográronse 4,2 millóns de impactos. O resultado é, por tanto, positivo en canto ao impacto, pero mostra tamén unha perspectiva negativa en canto á reacción da sociedade.
Fronte ao apoio de homes que comprenden a "crúa realidade" do acoso e acompañan ás mulleres "en pé de igualdade", apareceu tamén unha realidade "triste e actual", a reacción "desairada e violenta" dalgúns homes e mulleres ante a denuncia deses primeiros casos de acoso. "Atacaron violentamente e sen compaixón, tanto homes como mulleres", sinalou Fouces, que anima a revisar os tuits que se publicaron e que poñían en dúbida os acosos denunciaban e "atacaban vilmente" ás súas denunciantes.