O PP advirtirá no Parlamento que a parálise do PXOM pode "fosilizar" Pontevedra
Por Redacción
O deputado autonómico Román Rodríguez e os concelleiros Ricardo Aguilar e Jacobo Moreira presentaron en rolda de prensa unha serie de iniciativas para trasladar o debate sobre a paralización do PXOM de Pontevedra ao Parlamento de Galicia "e tentar deste xeito que o equipo de goberno de Miguel Anxo Fernández Lores abra os ollos e asuma a necesidade de retomar e axilizar a redacción do planeamento".
Neste sentido, o PP lembra que o Concello pontevedrés desenvolve a súa política urbanística ao amparo dun planeamento que data de 1989, "xa obsoleto, que dificulta o avance da cidade cara un modelo urbano acorde coas novas demandas sociais".
En 2004 comezouse a redactar un novo Plan Xeral, pero nestes inicios de 2013 "aínda se atopa nun estado moi embrionario como consecuencia da desidia do goberno municipal".
O Partido Popular advirte especificamente ao Parlamento que a paralización do planeamento "pode supor unha fosilización da cidade no futuro próximo e unha auténtica irresponsabilidade e deixamento de funcións do grupo de goberno municipal, que contrasta coa actitude construtiva e de lealdade institucional manifestada pola Xunta de Galicia", conclúe.
As iniciativas populares pretenden debater sobre o estado concreto da tramitación do PXOM de Pontevedra e o diñeiro que ten recibido Pontevedra por parte da Administración galega para elaborar o documento. Ademais buscan que a Xunta se dirixa ao Concello lembrándolle a necesidade de axilizar esa tramitación, poñendo a súa disposición os medios técnicos e humanos posibles para acadar canto antes que o conxunto das sete grandes cidades de Galicia conten co seu planeamento adaptado á legalidade vixente.
Na rolda de prensa aproveitou tamén para lembrar de novo un exemplo moi de actualidade da problemática derivada da falta dun novo Plan Xeral, como é o conflito derivado da falta de solo específico para a instalación de fornos crematorios en Pontevedra.