A Xunta insta a Pontevedra a "cambiar de actitude e asumir o impulso do PXOM"
Por Redacción
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, instou este xoves ao Concello de Pontevedra a "cambiar de actitude e asumir o impulso do PXOM, posto que se trata dunha competencia municipal, algo no que sempre atopará o apoio da Xunta de Galicia".
Encarnación Rivas realizou estas declaracións na Comisión Segunda do Parlamento de Galicia e recordou que a Xunta "está a disposición do Concello de Pontevedra para colaborar na culminación do Plan Xeral de Ordenación Urbana da cidade", que a entidade municipal leva tramitando dende hai mais de nove anos, "co obxectivo de substituír o obsoleto documento vixente dende 1989".
Na súa intervención recordou que un total de 33 concellos que contrataron o PXOM na mesma época que Pontevedra xa o teñen aprobado e en vigor, de maneira que ofrece colaboración ao Concello no impulso do seu "para que non se convirta na única capital provincial sen planeamento adaptado e moderno".
Segundo un coomunicado remitido pola Xunta de Galicia, a secretaria xeral lembrou que o seu departamento emitiu en xaneiro de 2010 o primeiro Informe Previo á Aprobación Inicial (IPAI) cinguido exclusivamente ás competencias autonómicas de control de legalidade e defensa dos intereses supramunicipais e de seguido, mantivo unha reunión técnica na que se abordaron as observacións que tiña que resolver o concello.
Neste sentido, Rivas asegurou que a Xunta non cuestiona os desenvolvementos urbanos e de núcleos rurais contemplados no plan actualmente en vigor, pero si considera necesario que o Concello xustifique e acretide as previsións de novos crecementos residenciais e industriais, de conformidade coas esixencias de sustentabilidade ambiental e económica establecidas legalmente ao respecto.
Dous anos despois tivo lugar unha segunda reunión técnica para valorar os cambios introducidos no documento, na que se presentaron practicamente as mesmas propostas que xa foran cuestionadas no IPAI. Dende ese momento, a xuízo de Rivas, o Concello de Pontevedra non realizou avance algún na tramitación do plan e centrouse en intentar trasladar á Xunta a responsabilidade de que Pontevedra continúe sen planeamento.
A secreataria xeral sinalou que o Goberno galego leva abonado ata o momento ao Concello de Pontevedra mais de 223.000 euros correspondentes aos trámites xa realizados, e quedan sen executar 335.000 euros que a Xunta pagará no momento en que o concello finalice o PXOM, aínda que para elo haberá que asinar un novo convenio debido a que o concello incumpriu os prazos de redacción.