O Concello de Ponte Caldelas sancionará con multas de 10.000 euros cada tres meses ás empresas do tanatorio
Por Redacción
O Goberno local de Ponte Caldelas sancionará con 10.000 euros de multa, por incumprimento da legalidade urbanística, ás funerarias Alianza y Barros e Albia-Santa Lucía, que xestionan conxuntamente o tanatorio da vila. As multas, que se repetirán cada tres meses, son a consecuencia da "incapacidade das dúas firmas para chegar a un acordo para reparar as deficiencias na cuberta e reabrir unhas instalacións que levan tres anos pechadas".
O alcalde, Andrés Díaz, mantivo unha xuntanza cos xerentes das dúas firmas en outubro do ano pasado, na que ambos quedaron comprometidos a asumir a medias unha reparación estimada nuns 90.000 euros. "As boas palabras quedaron incumpridas", polo que o Concello de Ponte Caldelas abriu este verán un complexo expediente sancionador de reposición da legalidade urbanística, que inclúe a proposta de resolución de impoñer multas coercitivas trimestrais que se irán acumulando ata acadar o tope máximo dun 75% do orzamento da reparación.
As garantías ás que a lei obriga nos trámites de notificación e presentación de alegacións por parte das empresas están a derivar nun lento avance do expediente que, non obstante, xa está na recta final. O Concello de Ponte Caldelas, que no pasado non tiña iniciado ningún procedemento destas características, estuda cada paso para protexerse diante de posibles recursos.
Andrés Díaz, á fronte do Goberno local tripartito integrado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, entende que Ponte Caldelas non pode seguir sen servizo de tanatorio. É unha necesidade social moi demandada e o Concello está ao lado dos veciños para solucionalo. "Non podiamos quedar de brazos cruzados; sabemos que é un negocio privado e non podemos obrigarlles a abrir, pero si podemos obrigarlles a cumprir a lexislación urbanística".
"Se non queren retomar a actividade, sempre poden vender", engadiu.
O Concello, apunta, explorará todas as vías posibles para que Ponte Caldelas volva dispor dun servizo moi necesario.
O alcalde dá por esgotada a mediación coas empresas. "Aínda que polo medio houbo unha enfermidade grave dun dos xerentes, trátase de grandes empresas nas que as decisións deben seguir adiante".
O Goberno local caldelán subliña que estes problemas veñen dados pola "mala xestión que se fixo no seu día, construíndo un tanatorio de iniciativa 100% privada e cunha operación urbanística especulativa, pois os terreos, aínda que privados, estaban cualificados como equipamento deportivo".
Outros concellos puxeron en marcha iniciativas públicas e sacaron adiante os tanatorios en réxime de concesión, o que incrementa sustancialmente as potestades de control municipal.
Relacionadas:
-
Comezan as obras do tanatorio de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Tres empresas funerarias, interesadas en explotar o servizo de tanatorio en Ponte Caldelas
Por |
-
Alianza y Barros asumirá a reparación do tanatorio de Ponte Caldelas
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O PP de Ponte Caldelas acusa o alcalde de mentir cando anunciou a reapertura do tanatorio
Por Redacción |
-
Acordo para a reapertura do tanatorio de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Unha empresa funeraria estuda construír un tanatorio no ámbito da zona urbana de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O PSOE de Ponte Caldelas sinala ao alcalde como "máximo responsable de que os veciños non teñan onde velar os seus defuntos"
Por Redacción |