As palmeiras da cidade, de novo a tratamento contra o picudo vermello
Por Redacción
Ata o de agora as palmeiras do centro da cidade non se viron afectados pola praga do picudo vermello, un voraz insecto que acaba con estas árbores tan singulares. Pero non están a salvo, por iso o Concello aplicará nos próximos días o cuarto tratamento que se dá este ano nelas.
Segundo explican os técnicos do Departamento de Parques e Xardíns, está demostrado que a incidencia do picudo vermello é moito maior cando as podas das palmeiras se realizan no verán. O cheiro da sabia da palmeira resulta como un "efecto chamada" para o insecto que acaba matando a árbore.
Por este motivo, recoméndase aos particulares que teñan palmeiras que non fagan esas podas no verán, senón que agarden a que baixen as temperaturas e o fagan no inverno.
Por outro lado, tamén dende o departamento de Parques e Xardíns se está a realizar un dobre tratamento dos laranxos (e cítricos en xeral) das rúas da cidade como Curros Enríquez, Teucro, Rosalía de Castro, praza do Peirao, Paseo de Cervantes, Peregrina ou Virxe do Camiño.
Un dos tratamentos é para reducir o pulgón e a súa melaza que fai que os laranxos se puxeran negros. Polo que con este tratamento, que se leva facendo dende hai uns meses, os laranxos van recuperando pouco a pouco un estado máis saudable.
Tamén se está a facer un tratamento contra a Trioza erytreae, unha especie de mosquilla que afecta unicamente aos cítricos e que procede de África. Este insecto chupador é portador dunha bacteria que de afectar á árbore podería matala.
Relacionadas:
-
Estudan instalar aspersores nas Palmeiras para combatir os ataques do picudo vermello
Por Redacción |
-
Preocupación ante o avance da praga do picudo vermello nas palmeiras da provincia
Por Redacción |
-
A Estación Fitopatolóxica trata de evitar o picudo nas palmeiras dos xardíns de Lourizán
Por Redacción |
-
En pé de guerra contra o picudo vermello
Por Cristina Saiz |