As ludotecas, un servizo con demanda en aumento que recibe este verán a 1.590 nenos
Por Redacción
As ludotecas de verán postas en marcha pola Federación de Asociacións de Pais e Nais de Pontevedra (Fanpa) co respaldo económico do Concello están a confirmarse como un servizo cunha demanda á alza entre os pais pontevedreses. Confírmano as cifras deste ano, con 1.590 menores inscritos nas actividades programadas en 12 centros educativos durante os meses de xullo e agosto.
A concelleira de Educación, Carmen Fouces, e o equipo directivo da Fanpa fixeron balance este venres da actividade, bautizada como Ludoverán, e aseguraron que este verán ningún neno pontevedrés quedou en lista de espera, senón que todos os que demandaron praza conseguiron inscribirse para as actividades e mesmo todos tiveron praza no colexio que demandaron.
Os nenos que asisten a Ludoverán non recibirán atención académica, pero "si un lecer de calidade" que permite que estean atendidos e as horas nas que os seus pais non poden facerse cargo deles por cuestións laborais ou por calquera outra cuestión.
Este verán hai doce actividades, dúas máis que en 2015 e catro máis que o primeiro ano no que a Fanpa puxo en marcha Ludoverán. Trátase de cinco ludotecas urbanas (en Campolongo, Manuel Vidal Portela, Marcos da Portela, Barcelos e Crespo Rivas -só infantil-), cinco rurais (en Cabanas, Ponte Sampaio, Vilaverde, Parada-Campañó, A Carballeira e Xeve) e dúas temáticas: unha deportiva e unha última de inglés no Vidal Portela, unha iniciativa moi demandada polos pais.
O presidente da Fanpa, Rogelio Carballo, e Carmen Fouces sinalaron como especialmente positiva a ludoteca deportiva que se realiza ao aire libre na zona da Illa das Esculturas, con base na Xunqueira I, e ten 130 inscritos. A concelleira considera que ese é o camiño que se debe seguir de aquí en diante, pois Pontevedra é unha cidade que se presta a realizar actividades deste tipo ao aire libre e en zonas verdes.
Este verán todas as ludotecas incrementaron inscritos, sendo as máis demandadas as de Campolongo, con 340, e Vidal Portela, con 300. Os datos confirman esta tendencia á alza na demanda, que tamén se constata comparando os datos deste ano cos de 2015 e 2014, pois os escolares participantes pasaron de 1.400 a 1.500 e agora 1.590.
Mención especial requiriu a ludoteca de Ponte Sampaio, que este ano duplicou a demanda con respecto a 2015 e que estes días tivo que suspenderse ante a situación na que quedou a contorna do colexio público pola proximidade dos incendios forestais. As actividades retomaranse o martes 16.
As ludotecas reciben a nenos de 3 e 12 anos por quendas de 15 días ou un mes ao longo de xullo e agosto. Os horarios son de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas, e ofrecen a posibilidade dunha quenda ampliada de 8.30 a 14.30 horas para as persoas que o necesiten e tamén hai posibilidade de utilizar os servizos de Plan Madruga e comedor en tres centros, ampliando así o horario de 7.30 a 16.30 horas.