O Ponteverán potencia as súas actividades e incrementa nun 80% as súas prazas
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña presentou este luns o Ponteverán, un programa que configura unha oferta cultural e de ocio educativo "potente" para a mocidade e adolescencia (entre os 8 e 35 anos) e que este ano incrementa nun 80% as súas prazas e nun 62% o seu orzamento ata chegar aos 45.139 euros.
A rapazada ten a oportunidade de realizar actividades ao aire libre, a través das cales se favorece o seu desenvolvemento persoal con valores positivos de inclusión, respecto, creatividade, hixiene, esforzo e igualdade.
O Ponteverán vai dirixido "preferentemente" á mocidade do municipio de Pontevedra. No caso de non se cubrisen as prazas, optarán persoas doutros concellos (terán preferencia os limítrofes) e doutras idades a través das correspondentes listaxes de agarda.
Todas as actividades agás o campamento de tempo libre "Equal" son gratuitas.
A pre-inscrición para cada actividade será a través do formulario on line da web a partir do 8 de xuño.
Cando se esgote o número máximo de solicitudes por actividade, o formulario pecharase e avisarase ás persoas admitidas para que formalicen a inscrición coa achega da documentación necesaria. Posteriormente xestionarase a lista de agarda de cada actividade coas prazas asignadas que vaian quedando vacantes.
O Ponteverán inclúe na súa oferta tres campamentos: O Campamento urbano "Procurando o tesouro" con camiñadas e actividades fotográficas e plásticas destinadas a coñecer as especies de árbores da nosa contorna e a súa importancia ecolóxica, o Campamento de tempo libre "Equal" con actividades de natureza, acuáticas e deportivas, cunha excursión á Casa dos Muros de Paderne onde haberá xogos de escapismo ou unha ruta guiada ata a fervenza, e a terceira modalidade é o minicampamento "Regreso á Prehistoria" con tres días de estancia nunha contorna natural para gozar dunha experiencia de inmersión o máis fidedigna posible aos modos de vida da prehistoria.
Tamén haberá unha amplia oferta de obradoiros: un audiovisual e antropolóxico en Cerponzóns, outro musical chamado "A fábrica de singles", un artístico "Artefactos poéticos", outro con camiñada "Graffiti no Gafos III", o de Teatreiros: "monta a túa propia compañía de teatro" e outro obradoiro que ten como obxectivo a realización dun "Mural colectivo-feminista".
As actividades de natureza, deporte e aire libre do Ponteverán inclúen un curso de iniciación ao piragüismo en Ponte Sampaio, xornadas de observación astronómica no miradoiro do Verdugo e tamén en Cotobade, rutas en kaiak e paddle surf polo Lérez, unha xornada de orientación urbana no centro histórico, unha actividade de dendrocronoloxía que consiste en descubrir as historias que contan os aneis das árbores e tamén celebrarán a noite europea dos morcegos.
E finalmente tamén haberá obradorios de robótica, programación de videoxogos e de informática.
Relacionadas:
-
O Local de Música convértese nun teatro grazas ao Ponteverán
Por Redacción |
-
Graffitis e natureza mestúranse en Ponteverán arredor do río Gafos e do Camiño Portugués
Por Redacción |
-
As ludotecas, un servizo con demanda en aumento que recibe este verán a 1.590 nenos
Por Redacción |
-
Case 1.700 prazas ofértanse nas ludotecas de verán de Pontevedra
Por Redacción |