Posta a punto do CEIP Portonovo para o próximo curso
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo investirá preto de 17.000 euros nunha obra demandada durante anos pola comunidade educativa do CEIP Portonovo. Trátase da substitución das planchas de linóleo do chan de catro aulas de Infantil, que se atopan totalmente despegadas e cuxo estado supón un risco para a integridade dos máis pequenos.
O resto das aulas verán substituídas tamén o seu pavimento o próximo ano, distribuíndose así a partida necesaria para acometer os traballos en varias anualidades.
As planchas deterioradas serán substituídos por pavimento continuo de resina de flex, que ademais de ofrecer calidez ás aulas utilizadas por escolares de 3 a 6 anos de idade, reúnen as condicións idóneas para a realización das actividades propias desta primeira etapa educativa.
A concelleira de Educación, Sandra Fernández, lembra que é a Consellería de Educación quen debería realizar estas obras maiores dos centros escolares. Con todo, e debido a que a partida achegada para obras en colexios é insuficiente, "decidimos colaborar dende o Concello para facer frente a obras que son imprescindibles e que levan anos esperando".
Esta é unha das premisas da Concellería de Educación, que xa comezou o verán pasado cunha liña de actuación que busca atender as principais demandas das comunidades escolares, "aparcadas durante anos debido á falta de orzamento".
Ademais desta importante actuación, no colexio de Portonovo están a realizarse diferentes actuacións de mantemento, que o Concello acomete a través do departamento de Servizos, que dirixe o nacionalista Maxi González.
A limpeza do tellado na área de Infantil, a reparación dos canlóns das zonas de Infantil, Primaria e ximnasio, o arranxo do tramo da beirarrúa de entrada, unha xardineira na entrada, cementar o patio de Primaria para xogos, facer un lousa no patio, a colocación de plaqueta na parte de atrás do patio de Infantil e amaño do peche que dá ao parque e instalar tres cisternas con baixantes novas son algunhas das actuacións levadas a cabo neste colexio.
A actuación no CEIP Portonovo inclúe tamén o arranxo de persianas na aula de 3 a 6 anos de Educación Infantil e unha aula de Primaria, o cambio de catro persianas no despacho de Dirección, a substitución da porta da clase de audición e linguaxe, a subministración e colocación da baixante de madeira nunha aula de primaria, o cambio da tapa das persianas das escaleiras, a substitución de tres portas dos baños de profesores da planta superior e o arranxo doutras tres e a subministración de dous taboleiros de DM.