Solicitan 24.000 euros a Educación para executar obras en catro colexios de Sanxenxo
Por Redacción
A concelleira de Educación de Sanxenxo, Sandra Fernández Agraso, mantivo este venres unha reunión co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, para programar as actuacións para desenvolver este ano no centros escolares do municipio.
O xefe territorial comprometeuse a xestionar unha partida de 24.000 euros para financiar obras en catro colexios de Sanxenxo, que se complementarán con outros 25.000 euros que serán achegados pola Concellería, a fin de poder executar as obras acordadas. Esta é a proposta que lle expuxo a edil de Educación.
Pérez Ares deu a entender a Fernández Agraso que a Consellería podería asumir esta partida, que de todos os xeitos terá que ser ratificada nas próximas semanas polo conselleiro de Educación a través da firma dun convenio no que se reflectirán os investimentos destinados a cada concello galego en materia de Educación.
Fernández Agraso pretende realizar as obras cofinanciadas con Educación durante os meses de verán, aproveitando o descanso estival dos escolares.
Tamén abordaron a situación dun muro de peche no colexio de Dorrón, cuxa resolución quedou pendente dos informes técnicos que ambas as administracións solicitarán.
Relacionadas:
-
O colexio de Dorrón sumarase ao Plan Madruga o próximo curso
Por Redacción |
-
Posta a punto do CEIP Portonovo para o próximo curso
Por Redacción |
-
O Poli Paco presenta ao avó Nicolás e a Paquito
Por Redacción |
-
Escolares dun colexio de Sanxenxo aprenden como evacuar un autobús en caso de incendio
Por Elena Álvarez Quintá |
-
Conclúe o proceso de expropiación dos terreos do futuro colexio do Revel
Por Redacción |