Salvando vidas a través de transplantes: Montecelo tramita a doazón de 33 órganos
Por Natalia Puga
A Oficina de Coordinación de Transplantes (OCT) da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés tramitou ao longo do ano 2015 a doazón dun total de 33 órganos, unha cifra que esconde detrás un traballo dunha decena de profesionais do Hospital Montecelo que colaboran na extracción dos órganos correspondentes para o seu traslado aos centros hospitalarios nos que se fan os transplantes propiamente ditos, tanto os galegos de Santiago de Compostela e A Coruña coma outros do resto de España.
O Hospital Montecelo de Pontevedra carece do servizo de neurociruxía, o que motiva que a maioría dos doantes potenciais de órganos son desviados a outros hospitais de referencia. De todos os xeitos, durante o ano pasado houbo 16 casos de pacientes con morte encefálica que os converteu en posibles doantes. Deles, sete pasaron a ser doantes reais e os nove restantes descartáronse tanto por contraindicacións médicas (cinco casos) como por negativa familiar a que se lle retirasen os órganos (catro casos).
Esta negativa familiar que se deu en catro casos é un dos cabalos de batalla que centran o traballo da Oficina de Coordinación e da Organización Nacional de Trasplantes (ONT) en xeral, pois nestes momentos céntranse en seguir traballando na información e concienciación social sobre os beneficios desta práctica médica, que pode salvar vidas e mellorar a calidade de vida de pacientes e familiares.
Tres doantes tiñan menos de 65 anos, sendo o máis novo de 55. Dous tiñan entre 65 e 75 anos e outros dous, máis de 75
Dos sete doantes reais, tres foron mulleres e catro homes e destaca a idade avanzada de practicamente todos. Esta circunstancia débese tanto á redución dos accidentes de tráfico con traumatismos cranioencefálicos como ao feito de que Montecelo non teña neurociruxía, de modo que os potenciais doantes son habitualmente de idade avanzada. Tres deles tiñan menos de 65 anos, sendo o máis novo de 55. Dous tiñan entre 65 e 75 anos e outros dous, máis de 75, un mesmo 84 anos.
A idade dos doantes tamén afecta no tipo de órganos que se doan, pois nas persoas de idade avanzada dificúltase a extracción e posterior transplante dos chamados órganos torácicos, isto é, corazón e pulmóns. Así, deses sete doantes tan só un, de 55 anos, doou o corazón e os dous pulmóns. Ademais, puideron explantarse sete hígados (isto é, os de todos os doantes), dez córneas, 12 riles (de sete pacientes) e nun caso tamén o tecido óseo.
Houbo doazón de 12 riles, 10 córneas, 7 fígados, 2 pulmóns, un corazón e unha de tecido óseo
Segundo explicou o responsable da Oficina de Coordinación de Transplantes (OCT) da EOXI de Pontevedra e O Salnés, José Luis Martínez Melgar, déronse casos de familiares de doantes que accederon a que se lle retirasen outros órganos, pero pediron especificamente que non houbera doazón de tecido óseo ou córneas.
O balance da actividade da Oficina de Coordinación de Transplantes constata que nos últimos 14 anos hai un crecemento sostido da actividade de doazón de Pontevedra, pois a media de doantes sitúase por enriba dos cinco. O ano con maior actividade foi 2012, con 11 pacientes e destaca o sucedido en 2010 e 2011, cando houbo tan só tres doantes debido, fundamentalmente, á negativa familiar a acollerse a esta práctica médica. En 2013 houbera 5 e en 2014 os mesmos sete que o ano pasado.
A Oficina de Coordinación de Transplantes é o departamento encargado de detectar os posibles casos de pacientes cuxa evolución clínica é susceptible de derivar nunha morte cerebral, o que os posicionaría como candidatos á doazón. Tras a realización dun estudo axeitado, caso por caso, serve como enlace coa Organización Nacional de Transplantes e inicia os procedementos necesarios para coordinar a todos os servizos do hospital que se ven implicados no proceso de extracció. En Montecelo non se realizan transplantes, de modo que se derivan a outros hospitais.
Relacionadas:
-
Solidariedade descompensada: os pacientes da área sanitaria recibiron 48 órganos en transplantes e só doaron 21
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
RADIO.- Medallas para agradecer unha segunda oportunidade de vida
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- O pontevedrés Carlos Sánchez viaxa a Málaga para os seus primeiros Xogos Mundiais para Trasplantados
Por Marisa Ciordia |
-
Pontevedra conmemora o Día Nacional do Transplante animando a sacar a tarxeta de doante
Por Mónica Patxot & Luca Yohan Silva Lamy |
-
Reclaman fígados para transplantes ante o perigo de envelenamento por consumo de cogomelos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os pacientes oncolóxicos de Arousa poderán ser atendidos dende outubro no Hospital do Salnés
Por Redacción |