Os pacientes oncolóxicos de Arousa poderán ser atendidos dende outubro no Hospital do Salnés
Por Redacción
Os pacientes oncolóxicos de Arousa contarán dende o vindeiro mes de outubro cunha nova consulta de Oncoloxía con axenda propia no Hospital do Salnés. Especialidade que se engade, así, á carteira de servizos asistenciais de consultas externas deste centro.
Así se confirmou este mércores, nunha xuntanza técnico-asistencial mantida no centro sanitario arousán entre diversos xefes de servizo e directivos sanitarios desta área sanitaria, entre os que tamén se atopaba o xefe de servizo de Oncoloxía do CHOP, o doutor Manuel Constenla Figueiras.
O xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, Jose Manuel González Álvarez, subliñou que a nova consulta comezará a súa actividade o vindeiro luns 3 de outubro, cun oncólogo que pasará consulta unha vez á semana, con previsión de ampliar no futuro a máis xornadas se fora preciso. Este é o primeiro paso necesario para poder prestar unha posterior atención integral aos pacientes oncolóxicos de Arousa no Hospital do Salnés cando rematen as súas obras de reforma e ampliación.
No transcurso da xuntanza deste mércores, quedou patente que o plan de ampliación oncolóxica e humanización da asistencia sanitaria do SERGAS nesta área ten a prioridade de que os enfermos de cancro de Arousa dispoñan dunha atención oncolóxica máis próxima ao seu entorno, no seu propio hospital, o que lles evitará ter que realizar algúns desprazamentos ao hospital de referencia.
DIMINUIR O GRADO DE ANSIEDADE
Segundo destaca o xefe de servizo de Oncoloxía do CHOP, o doutor Manuel Constenla Figueiras, "a abordaxe óptima dos procesos oncolóxicos precisa do traballo conxunto e multidisciplinar de oncólogos, hematólogos, persoal de enfermería e auxiliares, entre outros profesionais implicados en cada proceso, cara a diminuír o grado de ansiedade que producen estas enfermidades e axilizar os procesos de valoración, así coma reducir a frecuencia das visitas destes pacientes a Urxencias por algún tipo de consulta. Coa nova consulta oncolóxica do Hospital do Salnés poderánse efectuar estas cuestións, así coma resolver moitas dúbidas que xorden antes de comezar tratamentos".
Relacionadas:
-
O novo bloque cirúrxico do Hospital do Salnés entra en funcionamento
Por Redacción |
-
O 20% dos tumores de mama danse en mulleres menores de 45 anos
Por Mónica Patxot |
-
CIG Saúde denuncia a sobrecarga de traballo no Hospital do Salnés
Por Redacción |
-
Os hospitais de Pontevedra e O Salnés cubrirán en réxime de interinidade preto de 40 prazas vacantes
Por Redacción |
-
Desaloxan 11 pacientes e atenden 4 traballadores por inhalar fume nun incendio no Hospital Provincial
Por Diego Torrado & Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Salvando vidas a través de transplantes: Montecelo tramita a doazón de 33 órganos
Por Natalia Puga |
-
Nos hospitais de Pontevedra e O Salnés agárdase por unha operación 29,8 días, a demora máis baixa de Galicia
Por Redacción |