Combarro celebrará do 24 ao 26 de agosto a XVI Festa do Mar
Por Redacción
O Concello de Poio está a ultimar a programación para a próxima Festa do Mar que este ano celebrará a súa XVI edición entre o 24 e o 28 de agosto na localidade de Combarro.
Como vén sendo habitual, os principais eixes nos que se baseará a programación da Festa do Mar serán o Festival Armadiña Rock, a concentración de embarcacións tradicionais e a mostra gastronómica.
En canto ao apartado musical, como nas anteriores edicións, a Festa do Mar contará cun amplo abano de concertos, grupos folclóricos e cunha nova edición da Mostra da Canción Mariñeira.
A primeira xornada do mércores 24 de agosto contará coa actuación de Lys Pardo e o xoves 25 de agosto na Praza da Chousa actuará o grupo galego Luar na Lubre. Na noite do domingo a orquestra Tamarindos de Canarias será a encargada de facer bailar a todos aqueles que se acheguen ata a vila mariñeira.
O Festival Armadiña Rock collerá o relevo nas noites do venres e do sábado. Entre os grupos participantes nesta nova edición destacan, entre outros, os concertos de Siniestro Total e Sés.
A concentración de embarcacións tradicionais, que este ano celebrará a súa XXI edición, dará comezo as súas actividades na tarde do venres coa chegada das embarcacións ao porto de Combarro, para continuar coas regatas e as visitas ás embarcacións durante todo o fin de semana.
Por último, dende o mércores 24 de agosto, os que se acheguen ata Combarro poderán gozar da cociña mariñeira con produtos de primeira calidade na mostra gastronómica situada no Peirao da Canteira.
A mostra contará cunha ampla carpa na que os asistentes poderán tamén asistir ás numerosas actuacións musicais, exposicións e actividades varias que terán lugar durante os cinco días da Festa do Mar.
Relacionadas:
-
Baixada de prezos para "a mellor" edición da Festa do Mar
Por Diego Espiño |
-
"Brico Armadiña" o novo spot do Armadiña Rock
Por Redacción |
-
Banda Bassotti e Agoraphobia súmanse a un Armadiña Rock que non deixa de crecer
Por Redacción |
-
A Festa da Ameixa de Campelo volve a xullo e a Festa do Mar chegará en agosto
Por Redacción |
-
Sés, Nao e Tractor Troy súmanse ao cartel do Armadiña Rock 2016
Por Redacción |