Baixada de prezos para "a mellor" edición da Festa do Mar
Por Diego Espiño
Combarro prepárase xa para o que será "o mellor programa desde a primeira edición" da Festa do Mar, que se celebrará entre os días 24 e 28 de agosto.
Así definiu na súa presentación o concelleiro de Turismo de Poio, Xosé Luís Martínez, a que será a edición XVI do evento, que volve mesturar gastronomía, música e tradición mariñeira.
Entre os aspectos destacados desta edición resalta unha "baixada dun 34% de media" no prezo dos 12 produtos gastronómicos ofertados, algo que é posible porque por primeira vez o Concello faise cargo de forma directa da venda na carpa, adquirindo previamente os alimentos na lonxa de Campelo.
A previsión é despachar ata 1.500 quilos de produtos na carpa instalada no peirao, que abrirá de 13:00 a 16:30 horas e de 19:30 a 00:00 horas.
Pero a Festa do Mar non é só gastronomía, xa que diversas actividades completan a programación, desde a XXI Concentración de Embarcacións Tradicionais ou a Mostra da Canción Mariñeira ata os eventos musicais.
Lys Pardo inaugurará o mércores 24 (23:00 horas) os concertos previstos na Praza da Chousa, tomando a testemuña o xoves 25 Luar na Lubre dentro do I Festifolk Poio. Despois, os días 26 e 27, será quenda dun Armadiña Rock que aspira, segundo os seus organizadores, a congregar a preto de 5.000 persoas por día. Completa a programación musical Tamarindos de Canarias o domingo 28, ademais das sesións vermú (13:30 horas) de Poetarras o día 27 e Cora Sayers o 28, ambos na Praza da Rualeira.
Por outra banda a organización habilitará un aparcadoiro disuasorio na Seca e recomenda o seu uso para evitar no posible un atasco excesivo durante eses días en Combarro.
Relacionadas:
-
Aínda queda festa en Combarro
Por Diego Torrado |
-
The Lakazáns, Siniestro Total, Terbutalina e Tractor Troy líana en Combarro
Por Diego Torrado |
-
Luar na Lubre conquista a Praza da Chousa
Por Diego Torrado |
-
Combarro levanta o pano da edición máis económica da Festa do Mar
Por Redacción |
-
O Armadiña Rock, listo para encher de música Combarro entre o 26 e o 28 de agosto
Por Alejandro Espiño |
-
Combarro celebrará do 24 ao 26 de agosto a XVI Festa do Mar
Por Redacción |